Inicio
Actualidade

Ao día!

14/10/2022

Galicia Avanza, un trampolín cara ao mercado internacional desde a I+D+i

Comparte este artigo

O seu obxectivo é que as solucións innovadoras galegas de pemes de calquera ámbito ou sector poidan alcanzar presenza ou fortalecerse no exterior no menor tempo posible

O programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas Galicia Avanza, impulsado pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación – a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) – está chamado a ser o trampolín que precisan as pemes galegas que queren chegar ao mercado internacional desde a I+D+i e a sustentabilidade. 

A nova aceleradora, que se puxo en marcha na Tecnópole, no concello ourensán de San Cibrao das Viñas, dentro do Plan Estratéxico 2022-2024 desta entidade, busca aproveitar a demanda actual, social e industrial, para que as solucións innovadoras galegas de pemes de calquera ámbito ou sector -e que estean dispoñibles ou moi próximas ao mercado- poidan alcanzar presenza ou fortalecerse no exterior no menor tempo posible.

O que distingue esta aceleradora é que está pensada para pemes galegas de base tecnolóxica que teñen entre mans solucións innovadoras para exportar a outros mercados. Galicia Avanza vai apoiar a consolidación no mercado internacional de 30 empresas a través dun plan de traballo de oito meses de duración nos que os participantes poderán acceder a servizos de asesoramento e formación especializada. Galicia Avanza enmárcase tanto na Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia como no Programa de impulso á innovación nas pemes e súmase ás aceleradoras e incubadoras especializadas que a Xunta ten en activo.

As 30 pemes seleccionadas pertencen a sectores moi diversos e ofrecen produtos e servizos moi dispares, como unha copa menstrual elaborada con silicona platino, mobiliario e outros produtos de deseño fabricados con plástico reciclado, unha empresa do eido aeroespacial dedicada ao desenvolvemento e fabricación de pequenos satélites que busca posicionarse como provedor de referencia na subministración de misións completas, unha firma que comercializa un módulo de vivenda a partir de contedores marítimos destinado principalmente a cámpings, ata unha empresa dedicada ao desenvolvemento e comercialización de produtos biolóxicos para o control de pragas e enfermidades no ámbito agroforestal.

No eido turístico hai unha axencia especializada na venda de cruceiros turísticos, unha empresa dedicada á comercialización online de estadías en spas, así como unha firma que avanza na xestión do check-in automático en hoteis.

Do sector alimentario seleccionouse unha empresa que fabrica e comercializa embutido 100% vexetal sen cereais e sen conservación en frío, unha compañía biotecnolóxica que busca introducir a quimosina para o callado do leite, unha firma centrada na elaboración de produtos derivados do porcino que precisa apoio para a produción dunha liña de produtos ecolóxicos sen aditivos para a súa venda no mercado europeo, unha bodega que quere afianzar a internacionalización do seu viño albariño ecolóxico, ou un sistema capaz de analizar as claves para garantir o éxito sensorial dos produtos agroalimentarios.

No eido da biotecnoloxía, apoiarase unha plataforma para o procesado automático de neuroimaxes asistido por Intelixencia Artificial; unha empresa que obtén e comercializa biotoxinas mariñas con interese para as industrias agroalimentaria, téxtil e cosmética; unha firma que pretende aproveitar o auxe internacional da cosmética natural e ecolóxica mediante un aceite ozonizado con propiedades antisépticas, antioxidantes, cicatrizantes e rexenerantes que eles mesmos producen.

No campo da saúde, seleccionouse unha ferramenta para a dixitalización do servizo de alimentación en hospitais e residencias, unha plataforma que optimiza o proceso de asignación e planificación dos pacientes e recursos das unidades de radioterapia oncolóxica, ademais dun software de análise de datos para a súa aplicación nas primeiras fases de descubrimento de fármacos.

Varias das propostas céntranse no ámbito enerxético, como un sistema de monitorización de redes de distribución eléctrica de media e baixa tensión; unha empresa que desenvolve, fabrica e comercializa innovadores dispositivos de acumulación, xestión e transformación de enerxía portátiles para os sectores aeronáutico e industrial; e unha empresa de servizos asociados a parques eólicos e aeroxeradores.

O sector TIC está presente a través dunha oficina virtual de atención cidadá, ou unha ferramenta que axuda á toma de decisións con utilidade para a análise e avaliación de políticas locais e rexionais.

Tamén pode interesarche