Inicio
Actualidade

Ao día!

19/10/2022

Galicia impulsa a primeira plataforma experimental de eólica mariña

Comparte este artigo

O seu obxectivo é testear prototipos flotantes e realizar estudos relacionados co medio mariño e a biodiversidade

A Xunta de Galicia vén de asinar un Protocolo Xeral de Actuación coa Autoridade Portuaria da Coruña e Rede Eléctrica de España para o impulso na Comunidade da primeira plataforma experimental de eólica mariña. Este proxecto xorde dos traballos realizados no marco do Observatorio da eólica mariña e será unha das infraestruturas de referencia do Polo da innovación de enerxías mariñas e almacenamento enerxético no que traballa o Goberno galego.

O obxectivo é establecer liñas de colaboración que contribúan ao adecuado desenvolvemento das enerxías mariñas en Galicia desde o respecto, o equilibrio e a compatibilidade coas actividades pesqueiras e a preservación do seu ecosistema. Esta plataforma vai permitir testear prototipos flotantes e realizar estudos relacionados co medio mariño e a biodiversidade. Ademais desta infraestrutura singular, tamén se incidirá na xeración de coñecemento e a elaboración de estudos.

Galicia conta cun dos principais recursos eólicos mariños de Europa, tendo o potencial de converterse nun referente neste ámbito, tanto desde o punto de vista da xeración de enerxía, como do desenvolvemento asociado á tecnoloxía eólica mariña flotante. Sempre coa premisa do respecto e a compatibilidade co resto de actividades que xa se desenvolven no ámbito mariño.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, explicou na presentación do proxecto que desde a comunidade se están exportando compoñentes de aeroxeradores mariños a numerosos países europeos. Un sector que está especialmente desenvolvido na comarca de Ferrolterra.

A zona experimental da primeira plataforma eólica mariña vai estar localizada a 10 quilómetros da costa, fronte ao porto exterior da Coruña, en Langosteira. Incluirá entre dous e tres aeroxeradores, polo que poderá acadar unha potencia total de 30MW e suporá un investimento de ao redor de 12 millóns de euros.

A instalación de Langosteira servirá para impulsar a expansión da eólica mariña en Galicia, xa que permitirá facer probas de prototipos flotantes e estudos relacionados co medio mariño, co fin de compatibilizala coas actividades pesqueiras que xa se están levando a cabo.

Financiamento de fondos europeos

A Xunta agarda contar para esta iniciativa con financiamento de distintos paquetes de fondos europeos. Por unha parte, están as axudas para proxectos piloto, plataformas de ensaio e infraestruturas portuarias para enerxías renovables mariñas que inclúe o Plan de recuperación, transformación e resiliencia. Por outra parte, están os fondos dos Proxectos estratéxicos para a recuperación e transformación económica (Perte) de enerxías renovables, hidróxeno renovable e almacenamento.

Necesidade do compromiso do Estado

Con este obxectivo, a Xunta de Galicia precisa do compromiso do Goberno do Estado, responsable do deseño e aprobación do plan de ordenación do espazo marítimo (POEM), unha folla de ruta necesaria sen a cal ningún promotor pode tramitar un proxecto de eólica mariña ata que as zonas estean delimitadas.

O Goberno galego ve no desenvolvemento da tecnoloxía eólica mariña unha oportunidade para un maior aproveitamento do potencial renovable de Galicia, o que traería consigo un mellor posicionamento e mellora da competitividade das empresas e industrias galegas, e un reforzamento das actividades que xa se veñen desenvolvendo no mar. 

A día de hoxe o 74% da produción enerxética en Galicia xa procede de renovables. Con todo, a meta que se fixa o Goberno galego é a de contar co 100%, de maneira que no ano 2050 se poida conseguir a neutralidade climática.

A construción da planta pública enlaza ademais coa estratexia da Autoridade Portuaria de orientar o porto cara ás novas tecnoloxías e formas de produción enerxética. O plan inclúe a construción na zona doutro parque eólico, unha planta de hidróxeno verde ou instalacións de biocombustibles.

 

Tamén pode interesarche