Ao día!
Cholita Recicla, ecodeseño con base en Galicia
O novo proxecto Cholita Recicla naceu fai cinco anos na Coruña co obxectivo principal de transformar residuos en recursos. O primeiro paso deuse en Corme coa contribución á posta en valor dun oficio de sempre, o das redeiras. Mans e redes únense nunha iniciativa que axunta artesanía e economía circular para crear bolsos feitos a man co sistema tradicional de atado e reparación de redes.
Aplicaron o ecodeseño aos residuos mariños e crearon unha liña de exclusivos bolsos que comercializan a través de Internet con restos de redes recuperadas do mar. O novo envoltorio aproveita un oficio tradicional ao que se lle dá unha segunda oportunidade.
Este foi o punto de partida dunha iniciativa máis ambiciosa que, segundo explica a súa promotora, Gema Neira, conseguiu que moitos materiais, cuxo destino era ser enterrados ou incinerados, puidesen cobrar unha nova vida. “É un exemplo claro de economía circular porque pechamos o círculo ao crear unha peza nova”, resume.
Ás redeiras de Corme uníronse compañeiras de toda Galicia e á oferta dos bolsos súmanse novas propostas continuamente, como unha liña de equipamento urbano feito con refugallos. O proceso consiste na transformación do lixo en bancos, papeleiras, mesas e outras estruturas que, unha vez cumprida a súa nova función orixinal, poden ser trituradas de novo e delas poden obterse produtos con vidas infinitas.
Cholita Recicla traballa en colaboración con numerosas firmas e empresas, non só de Galicia, de quen obtén os residuos para transformar. O seu compromiso vai máis aló e esfórzanse cada día para conseguir captar empresas locais para xerar riqueza de proximidade e contribuír a fixar poboación no medio rural a través do ecodeseño.
Gema Neira asegura que todas as persoas que interveñen no proceso de creación dun produto móstranse ilusionadas co resultado. Ás redes de pesca sumaron outros elementos, como excedentes procedentes de firmas téxtiles dunha gran industria galega cuxas sobras trituran para volver facer tecidos que inicialmente só servían para incinerar. Tamén van desenvolver unha nova liña de colaboración cunha empresa portuguesa para o deseño de parques infantís a partir de redes de pesca reutilizadas.
A transformación de fibras téxtiles en desuso permitiulles fabricar bolsos e outros produtos moi variados, como toldos impermeables ou mesmo equipamento urbano. Este nicho de mercado levou a Cholita Recicla a iniciar unha colaboración coa empresa de Vilagarcía de Arousa Fundiciones Rey coa que deseñaron e fabricaron un eco sumidoiro único no mundo polo seu material de construción e no que ademais incorporaron un relado do material deseñado por un artista local. Un produto co que ademais conseguiron eliminar a contaminación acústica.
Desde a súa posta en marcha a empresa Cholita Recicla serviu de exemplo de proxecto de reciclaxe, responsabilidade social e economía circular en publicacións especializadas de países de todo o mundo. Innovación, deseño e sustentabilidade son os piares sobre os que se asenta unha idea que creceu grazas á venda en liña e tamén ao boca a boca. Son partícipes da Canteira de Materiais Innovadores de Galicia, “o que supón un orgullo porque forma parte da aposta da Xunta por innovar e trae contactos moi interesantes”, recalca Neira.
Entre os seus novos proxectos, unhas zapatillas que crearon con motivo do Xacobeo que fan no marco da alianza mundial para o desenvolvemento sostible na que mesturan o pasado a través da materia prima, o presente coa transformación de filamentos de redes de pesca e o futuro a través da impresión en 3D.
O seu mobiliario urbano comercialízase no mercado internacional, en países como Alemaña, EEUU ou México, o mesmo que as súas alternativas de sumidoiros ou os seus bolsos. “As nosas propostas combinan deseño e arte, de aí que sexamos un exemplo de sustentabilidade e se nos valore”, precisa a súa promotora. Cada banco que transforman supón reciclar 100 quilos de lixo.