Inicio
Actualidade

Ao día!

18/11/2022

Un dron para combater as vespas velutinas

Comparte este artigo

DRONE VELUTINA é un sistema de neutralización de niños de vespa asiática rápido, seguro e eficaz, impulsado pola empresa galega Aerocámaras, participante na aceleradora Business Factory Aero

A empresa Aerocámaras ofrece solucións 360º dentro do sector do dron desde o ano 2007. O 50% do seu traballo está enfocado á formación, ámbito no que son líderes a nivel nacional, con 35.000 alumnos formados e 40 centros de exame en toda a Península e illas. Desde a súa sede de Lalín ofrecen formación en liña e tamén presencial e especializada para policías, bombeiros ou topógrafos, entre outros profesionais.

A outra pata sobre a que se asenta a actividade da empresa ten que ver con servizos profesionais en diferentes áreas como inspeccións técnicas, seguridade e vixilancia, topografía, agricultura, loxística ou audiovisual, entre outras, así como o desenvolvemento de drons e as solucións para este tipo de dispositivos. A firma conta con 55 traballadores e unha facturación de 4 millóns de euros en 2021.

Participante de BFAero

No ano 2019 Aerocámaras entrou a formar parte da primeira edición da aceleradora BFAero, enmarcada no Polo Aeroespacial da Xunta de Galicia. E fíxoo con Drone Velutina, un revolucionario proxecto co que garanten o 100% dos niños eliminados nas superficies nas que actúan. Foron pioneiros en patentalo e poder operar coas titulacións e permisos necesarios. A experiencia serviulles para mellorar o produto e iniciar a súa comercialización. Hoxe en día contan cun sistema moi potente, tanto a nivel hardware como software que xa presentaron á Administración galega para alcanzar un acordo de venda.

O Drone Velutina é un sistema moi robusto que está destinado a equipos de emerxencia, como GES, 112 ou bombeiros e que xa probaron con gran éxito empresas eléctricas e do sector industrial. Está indicado para aqueles casos nos que o acceso ao niño de vespa velutina é practicamente imposible por calquera outra vía. O CEO da empresa, Jaime Pereira, explica que se trata de operacións moi delicadas nas que operar doutra forma implicaría tres veces máis custo.

O dispositivo desenvolvido por Aerocámaras ten unha autonomía de 35 minutos e incorpora unha plataforma cun depósito de tres litros de biocida e unha pértega telescópica que alcanza unha extensión de ata catro metros de lonxitude. Unha vez que o dron chega ao niño, inxéctase a solución coa axuda dun punteiro láser e dúas cámaras colocadas no dron e na pértega para poder ser máis precisos e garantir a descarga.

En tan só cinco segundos o líquido está no niño, de maneira que non hai contaminación fóra deste, e a efectividade é do 100%. O sistema leva un marcador que coloca unha cinta vermella no niño, de maneira que poida saberse que está inactivo. A empresa garante así un servizo no que ofrecen unha redución de custos, tempo e riscos.

Outros proxectos

Entre os seus proxectos de servizos loxísticos atópase o que desenvolve a súa filial Drone To Yacht, para reparticións delivery de luxo. En 2021 operou en Eivissa, pero o máis recente son as operacións deste verán en Menorca co restaurante Miramar de Cala Branca. Os clientes fan a súa selección de produtos, piden ao restaurante a través da APP e logo esperan a que chegue, literalmente, voando.

Outra das súas filiais, Drons Maritime, é unha alianza estratéxica coa empresa Península coa que deseñaron un proxecto de voos mediante vehículos aéreos non tripulados para interceptar barcos que pasan polo Estreito de Xibraltar. Son dispositivos que poden levar ata cinco quilogramos de carga e que están pensados para envíos loxísticos, como o transporte de documentos, ou as inspeccións a barcos.

De cara ao futuro, os retos da empresa están centrados na internacionalización da súa actividade, un obxectivo que os levou a comprar unha compañía en Colombia desde a que operar en catro países de Centroamérica.

Tamén pode interesarche