Inicio
Actualidade

Ao día!

28/11/2022

A nova edición do Bono Activa Comercio dinamiza as vendas nos establecementos de proximidade

Comparte este artigo

A Xunta destina 5 millóns de euros a este programa. Os consumidores/as poderán canxear os seus bonos ata o 31 de decembro de 2022

O programa  de Bonos Activa Comercio é unha iniciativa da Xunta de Galicia a través da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, coa colaboración da Federación Galega de Comercio, coa que se pretende impulsar e incentivar as compras no comercio de proximidade de toda Galicia.

Na súa primeira edición, en 2021, máis de 117.000 galegos e galegas descargaron o Bono Activa Comercio e houbo un total de 5.200 establecementos adheridos na Comunidade.

Este ano, bátense novas cifras récord, consolidando así o éxito da iniciativa: máis de 166.000 persoas descargaron o bono, esgotándoo en tan só tres días. Ata o momento, hai 6.200 establecementos adheridos ao programa e xa se mobilizaron preto de 5 millóns de euros.

Obxectivo: impulsar o sector comercial galego

O sector comercial galego conta con preto de 55.000 establecementos, nos que máis do 80% son traballadores autónomos e empresas de menos de dous traballadores. O comercio contribúe de forma notable ao emprego, cun total de 176.200 afiliacións, das que máis de 106.000 corresponden ao comercio de proximidade, contribuíndo de forma significativa á dinamización das vilas e cidades e á fixación de poboación.

O obxectivo do programa de Bonos Activa Comercio é incentivar a demanda comercial, axudando economicamente ás persoas consumidoras, así como fomentar o consumo nos establecementos comerciais retallistas adheridos á campaña.

Ademais, o programa ten como finalidades propiciar o fortalecemento do sector comercial retallista da Comunidade Autónoma de Galicia, dinamizar a actividade comercial promovendo as compras de bens en comercios, mellorar o fondo de manobra dos establecementos comerciais e paliar o impacto negativo derivado da actual situación inflacionaria.

Tes es establecemento? Aínda podes sumarte!

O prazo para adherirse á rede de comercios participantes nesta iniciativa permanece aberto ata o 30 de novembro de 2022.

Poderán sumarse ao programa de Bonos Activa Comercio os establecementos comerciais retallistas que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia e sexan persoas empresarias autónomas ou pequenas e medianas empresas.

Para facelo, só cómpre rexistrarse na web www.bonosactivacomercio.gal.

A través da plataforma tecnolóxica do programa, os comerciantes terán á súa disposición a información necesaria e poderán consultar o histórico das súas vendas, os bonos xa trocados, os aboamentos feitos pola entidade colaboradora e os demais detalles de cada operación.

Conseguiches o teu Bono Activa Comercio? É o momento de canxealo

O prazo tope para canxear o Bono Activa Comercio é o 31 de decembro de 2022. Cada bono ten un desconto por un valor de 30 € para as compras realizadas nos comercios adheridos, que poden consultarse en www.bonosactivacomercio.gal, filtrando por concello.

O importe do bono irase reducindo, ata o seu esgotamento, en función do valor da compra, segundo os seguintes criterios:

– Desconto de 5 € en compras iguais ou superiores a 20 € e inferiores a 30 €.

– Desconto de 10 € en compras iguais ou superiores a 30 € e inferiores a 50 €.

– Desconto de 15 € en compras iguais ou superiores a 50 €.

Ademais, apostando por mercar na rede de comercios de proximidade, contribúes a estimular a economía, á xeración de emprego local do teu barrio ou vila, e a aforrar tempo e reducir o impacto ambiental evitando longos desprazamentos. 

Tamén pode interesarche