Inicio
Actualidade

Ao día!

05/12/2022

Luz verde á Axenda da Minaría Sustentable de Galicia

Comparte este artigo

A nova Axenda da Minaría Sustentable de Galicia 2030 é a folla de ruta para os vindeiros anos orientada a consolidar o sector como un aliado estratéxico para a modernización das principais cadeas de valor da industria galega

A Xunta de Galicia vén de darlle luz verde á Axenda da Minaría Sustentable de Galicia 2030, unha nova ferramenta que busca ser a folla de ruta para a modernización das principais cadeas de valor da industria. O documento está consensuado co sector e busca, en palabras do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, “fortalecer a súa competitividade de xeito sostible e converter a minaría nun aliado estratéxico doutras industrias fundamentais na Comunidade”. 

Na actualidade a minaría conta cunha produción anual superior aos 246 millóns de euros, o que representa o 10% da produción mineira estatal e do que Galicia é líder nacional en materiais como a lousa, o granito, o cuarzo ou as rochas ornamentais.

A Axenda da Minaría Sustentable de Galicia estará dotada de 32 millóns de euros ata 2024 para asegurar que o proceso de transición ecolóxica e dixital se abastece de xeito sostible coas materias primas autóctonas. Neste contexto, a industria das materias primas minerais ten un papel clave como provedora de sectores estratéxicos de Galicia a través dos que avanzar cara á un novo modelo industrial baseado nunha economía descarbonizada e dixitalizada, tales como a automoción, o téxtil, a electrónica ou a construción.

A folla de ruta da minaría galega fixa tres obxectivos estratéxicos, nove eixes de actuación e un total de 29 medidas concretas que dan resposta ás necesidades do sector en materia de dixitalización, formación ou innovación. Os tres obxectivos son: alcanzar a modernización e o crecemento do sector da minaría de Galicia de xeito sustentable, o fortalecemento do talento humano e da responsabilidade social e, en terceiro lugar, lograr a integración ambiental, o impulso da economía circular e a posta en valor do patrimonio mineiro.

Eixes de actuación

En canto aos eixes de actuación, preténdese, en primeiro lugar, avanzar na dixitalización da administración mineira para favorecer tanto a tramitación como a accesibilidade, así como impulsar plans de labores dixitais e o Portal galego de administración mineira. 

En segundo termo, vaise promover a dixitalización das empresas e a innovación. Para iso está previsto artellar incentivos económicos para pemes no eido da modernización tecnolóxica e da mellora da seguridade industrial a través de tecnoloxías 4.0; así como coa creación dunha oficina para a captación, coordinación e seguimento de fondos europeos de investigación, innovación e modernización. 

O terceiro eixe céntrase na mellora da sustentabilidade sectorial a través de incentivos económicos, e tamén na procura de financiamento para promover a restauración mineira e a realización de actividades turísticas. Neste eixe tamén se inclúe a promoción do sector das augas minerais e termais e o fomento de sistemas de xestión mineira sustentable e economía verde.

En cuarto lugar, apostarase pola valorización dos recursos ecolóxicos fomentando o estudo, exploración e investigación técnica dos recursos naturais, xeolóxicos e mineiros, así como a investigación de materias críticas existentes en Galicia e o seu potencial.

O quinto eixe aposta pola valorización económica a través de actuacións como a creación dun grupo de traballo permanente cos sectores estratéxicos ou a creación dun portfolio que conteña os recursos naturais dispoñibles en Galicia.

O sexto eixe prevé a posta en marcha de medidas para mellorar a seguridade e saúde laboral mediante incentivos para impulsar proxectos tecnolóxicos que axuden a reducir accidentes e para outros aspectos relacionados coa previsión de riscos laborais.

O sétimo eixe ten que ver co capital humano a través da mellora formativa con novidades como a implantación de novos ciclos medios técnicos en escavacións e sondaxes e pedra natural; a igualdade a través dun plan para a formación e o acceso de mulleres ao sector das industrias extractivas; así como a incorporación da mocidade.

Os dous últimos eixes están enfocados na comunicación e difusión a través de foros; e na gobernanza, coa creación dun comité executivo de desenvolvemento mineiro, entre outros aspectos.

Todas estas medidas pretenden apoiar a un sector estratéxico na Comunidade, así como reforzar o seu valor social, xa que as pemes e as familias que o integran teñen un gran protagonismo e un efecto multiplicador na economía e o emprego do rural contribuíndo a fixar poboación.

 

Tamén pode interesarche