
Ao día!

Estropallos de cociña con “sabor” a cabaza
Na Canteira de Innovación e Materiais de Galicia, impulsada pola Axencia Galega de Innovación e que reúne diferentes materiais innovadores e sostibles creados no rural galego, atopamos a luffa cilíndrica que comercializa a empresa pontevedresa Ibérica de Esponxas. Trátase dun proxecto que combina natureza e creatividade baseado na elaboración de esponxas vexetais 100% naturais e biodegradables a partir dunha cabaza e detrás do que atopamos a dous emprendedores: Juan Carlos Mascato e Itziar Endeiza.
A auga termal é clave neste proxecto, de aí a súa localización estratéxica, o municipio de Caldas de Reis, rica en augas mineromedicinais. É neste enclave onde o técnico superior de Montes e fillo de emigrantes galegos Juan Carlos Mascato decide emprender o seu negocio, despois de descubrir a luffa en Sudamérica e tras mellorar a fibra a nivel xenético para adaptala ao uso cotián dos nosos fogares e evitar así que a xente consuma plástico enriba da súa pel.
Hoxe, Ibérica de Esponxas é a empresa máis grande do mundo en cultivo, manipulación e transformación das esponxas vexetais luffa. Juan Carlos Mascato, administrador e director técnico da firma, explica que os seus cultivos esténdense por diferentes países, non só en Galicia, como Exipto, Gambia ou Portugal. A produción cruza o Atlántico co cultivo das súas cabazas en Colombia e EEUU. Só en Caldas de Reis ten unha produción de 40.000 metros cadrados de cabaza.
O 95% da súa produción comercialízase no mercado exterior, principalmente en Europa e tamén en lugares como Taiwan, Nova Zelandia ou Canadá. Ademais, a climatoloxía e as propiedades da planta, capaz de adaptarse a calquera contorna, levounos a poñer en marcha un proxecto de desenvolvemento rural en Colombia.
Proceso de obtención dos produtos
O cultivo da cabaza realízase nos terreos de Caldas de Reis e nos diferentes puntos do mundo nos que teñen produción de luffa. Cando o froito está maduro retiran a casca da cabaza para coñecer o estado da fibra do seu interior. Este é o material co que elaborarán as esponxas e outros produtos de fibra vexetal para uso cosmético. Unha vez recollida a colleita, o vexetal déixase en auga fría para quitarlle a cortiza e separar a esponxa vexetal.
Tras este proceso, bátese a esponxa para que caian as pebidas e a concubitacina, unha propiedade do cogombro que hidrata e repara a pel. Tras o proceso de batido, introdúcense de novo en auga, pero esta vez é auga termal, o que mellora as súas propiedades. A última fase, despois deste baño e antes do procesado, é o secado das pezas.
O acabado final é a parte máis laboriosa, xa que supón un proceso artesanal no que abren cada esponxa a man da que se obteñen os diferentes produtos que comercializan, entre os que se atopan manoplas de ducha, esponxas, bolsas para pastillas de xabón e, o produto estrela, o estropallo de cociña.
Para conseguir estas cabazas tiveron que modificar a base xenética da planta mediante o cruzamento de diferentes variedades para producir unha fibra de alta calidade. A orixinal tiña un tamaño máximo de 30 centímetros, mentres que os seus novos cultivos alcanzan un metro de esponxa. “Melloramos a base da planta optimizando os resultados”, explica Mascato.
Os responsables de Ibérica de Esponxas son pioneiros do movemento antiplástico en Europa, por iso é polo que tamén os envases nos que envolven os seus produtos sexan de material reciclado. Artesanía, calidade e ecoloxía son a clave do éxito destas esponxas ideais para limpar a pel, para uso doméstico e para contribuír ao coidado do planeta.