
Ao día!

Ignicia, conectando ciencia e empresa en Galicia
O principal obxectivo do programa Ignicia, promovido desde o ano 2016 pola Axencia Galega de Innovación en colaboración coa Fundación Barrié, é transferir os resultados da I+D xerada nos centros de coñecemento galegos ao tecido produtivo e á sociedade.
A nova convocatoria do programa publicarase en xaneiro de 2023. A Xunta destinará preto de 4 millóns de euros ao mesmo, co que se estima apoiar ao redor de 8 proxectos. O desenvolvemento contará de novo coa colaboración da Fundación Barrié, tanto no proceso de selección como na maduración e seguimento das iniciativas para garantir o seu éxito.
As candidaturas deben superar as etapas de investigación en laboratorio -o que lles permite ter o estado de madurez preciso-, e un orzamento mínimo de 100.000 euros. O obxectivo debe ser a comercialización dos resultados da investigación, ben pola vía de licenza ou a través da creación dunha empresa tecnolóxica (spin-off).
Proba de concepto
O programa Ignicia serve de nexo entre a ciencia excelente e a contorna empresarial para converter a investigación en solucións de mercado útiles para a sociedade, contribuíndo á rentabilización económica e social do investimento público que se realiza no ámbito da investigación.
O programa inclúe actuacións de formación, divulgación e financiamento. No ámbito financeiro e a través da súa convocatoria de Proba de Concepto, Ignicia titoriza e apoia economicamente o desenvolvemento de aplicacións comerciais das investigacións xeradas nos centros de coñecemento galegos en forma de spin-off ou acordo de licenza.
Os beneficiarios dos proxectos de proba de concepto poden ser organismos de investigación públicos e privados en Galicia, como universidades do sistema universitario, fundacións sen ánimo de lucro, fundacións sanitarias, centros tecnolóxicos e de apoio á investigación tecnolóxica, centros do CSIC en Galicia e centros do Instituto Español de Oceanografía (IEO).
Entre as accións que leva a cabo o programa atópase a formación do persoal xestor de transferencia para optar ao certificado RTTP (Registered Techonology Transfer Profesional), que recoñece a nivel internacional a este colectivo de profesionais; a organización de estancias de persoal de transferencia en entidades de referencia internacionais e as actividades de networking.
Formación para persoal investigador
A través de accións formativas deseñadas especificamente para o persoal investigador, Ignicia proporciona a estes colectivo coñecementos e habilidades que lles sirvan para liderar procesos de transferencia nos seus grupos e mellorar a interacción cos xestores de transferencia, formando equipos que aúnan competencias complementarias.
Encontros de transferencia e innovación
O obxectivo destes encontros é poñer en contacto aos axentes do ecosistema galego de innovación, identificando as necesidades das empresas e as capacidades dos centros de coñecemento, co fin de definir proxectos colaborativos orientados a xerar solucións aos desafíos cada vez máis complexos aos que se enfronta o tecido empresarial.
O programa tamén se ocupa de desenvolver metodoloxías de soporte á transferencia para mellorar a súa eficacia e da monitorización da transferencia no Sistema Galego de I+D. Coa publicación do Manual de avaliación preliminar de resultados de I+D proporciona un procedemento de avaliación do potencial comercial de resultados para os axentes do Sistema Galego de Innovación.
Pola súa banda, mediante a elaboración de diferentes estudos, analízase a evolución da transferencia de coñecemento no Sistema Galego de Innovación, co obxectivo de monitorizar indicadores en transferencia e xerar coñecemento e información para o desenvolvemento de novas medidas.
Valorización de materiais
En coordinación coa Materioteca de Galicia, Ignicia aplica a metodoloxía de avaliación preliminar de resultados de I+D a 32 materiais innovadores para facilitar a súa chegada ao mercado.
O programa Ignicia poñerá en marcha accións en colaboración cos axentes do Sistema Galego de Innovación, en coordinación co Servizo Galego de Propiedade Industrial, que promoverán a difusión e comercialización dos títulos.
Resultados
Desde o inicio do programa no ano 2016, o investimento total foi de preto de 13 millóns de euros. A convocatoria proba de concepto apoiou 23 proxectos, dos que 10 están en desenvolvemento, 3 deron lugar a acordos coa industria, e creáronse 9 spin-offs. A través destas últimas captáronse máis de cinco millóns de euros e xeráronse máis de 90 empregos de alta cualificación.
A maiores, coas accións de apoio á transferencia de coñecemento formáronse 200 profesionais, 32 grupos de investigación e empresas na acción de valorización de materiais innovadores e máis de 50 empresas participaron nos encontros de transferencia.