
Ao día!

Cando os drons son os grandes aliados das placas fotovoltaicas
ATOM dá nome á spin-off que a empresa AEROTOOLS ten en Lugo e nace no ano 2021 ao amparo de Business Factory Aero, unha iniciativa da Xunta de Galicia que, no marco do Polo Aeroespacial, achega infraestruturas e medios enfocados a proxectos aeronáuticos e vehículos non tripulados, ofrecendo tres itinerarios segundo a fase na que se atope cada iniciativa: incubación, aceleración e consolidación.
Como explica o CEO da empresa, Miguel Rosa, ATOM é “unha solución innovadora para a inspección de activos industriais”. Concretamente, a firma basea a súa actividade actual no uso de drons para capturar datos de plantas fotovoltaicas que, posteriormente, procesan e inspeccionan. A ferramenta xa está ao servizo de empresas e plantas de España e de 12 países máis.
Impulso da Business Factory Aero
Durante a fase de aceleración na Business Factory Aero, da que formaron parte en 2021, axustaron o plan de negocio e iniciaron a procura de investidores.
Tras este proceso, a ferramenta necesita agora de funcionalidades máis avanzadas, como a intelixencia artificial, por iso é polo que forman parte xa do proceso de consolidación da cuarta edición da aceleradora, co obxectivo de alcanzar un maior desenvolvemento tecnolóxico dos seus produtos e gañar presenza internacional.
Nesta nova etapa traballarán para identificar áreas que necesitan dun desenvolvemento específico para poder entrar na Industria 4.0 e poder ofrecer o servizo tamén a outros sectores. Actualmente o traballo céntrase en plantas de enerxía solar fotovoltaica e con estes novos desenvolvementos poderían actuar tamén en estradas, pontes, cubertas ou portos.
O segundo dos obxectivos que pretenden é a consolidación da área comercial a través dunha maior presenza noutros países. “A idea é avanzar de forma acelerada nun período curto de tempo, catro meses, e establecer unhas bases sólidas de cara ao futuro da empresa”, resume Miguel Rosa.
Desde a súa posta en marcha, en solitario ou como socios doutras compañías ás que achegaron o know how, conseguiron prestar o servizo en países como Australia, Chile, Italia, Francia, Reino Unido, Marrocos, Grecia, Panamá, Romanía ou Usbequistán.
Como funciona ATOM
Coa axuda dos drons, desde ATOM levan a cabo unha inspección termográfica coa que miden a temperatura dos paneis fotovoltaicos e outros parámetros. O dron toma imaxes dos paneis e con eses datos analízase se existen módulos con incidentes, defectos de fabricación, montaxe, danos causados por inclemencias meteorolóxicas (como a saraiba) ou por paxaros, que poden traer consigo unha diminución da produción de enerxía na planta.
“Sistematizamos o proceso de inspección”, explica Miguel Rosa, o que permite planificar os voos dos drons nas plantas fotovoltaicas, aínda que sexan de gran tamaño e coa cantidade mínima de tempo sobre a planta. Operan en plantas desde un megavatio ata os 300 megavatios e estas poden estar sobre o chan ou sobre cubertas.
O tipo de dron que utilizan ten entre 5 e 6 kg de peso, é de tipo multirrotor con despegamento vertical e leva incorporada unha cámara térmica e unha cámara RGB (visual). As operacións de voo nunha planta de 300 megavatios poden durar ao redor dunha semana, mentres que a análise dos datos obtense en 15 días. É un proceso que as plantas fan cunha periodicidade anual e que lles permite mellorar a súa intelixencia de negocio e reducir tempo e custos, porque se a planta presenta incidentes xera menos enerxía eléctrica e repercute nos ingresos.