
Ao día!

Entrevista a Carmen Rodríguez, vicepresidenta de CLUN, presidenta da AGACA e coordinadora de Mulleres de Seu
Carmen Rodríguez é vicepresidenta da cooperativa láctea rural galega CLUN, que comercializa marcas como Feiraco, Clesa ou Leite Únicla. Ademais, lidera o grupo de empoderamento feminino Mulleres de Seu. Con ela falamos sobre o papel da muller na economía rural galega.
Cales son as vantaxes para os produtores de formar parte dunha cooperativa?
As vantaxes máis evidentes e palpables adoitan ser as de tipo económico: aglutinar os intereses dos produtores e mellorar conxuntamente a súa posición negociadora no mercado, tanto concentrando a demanda de insumos agrarios, ou os servizos e apoios que necesitan para a produción, como tamén concentrando a oferta dos seus produtos agroalimentarios. Esta actuación nestes tres ámbitos contribúe a dar estabilidade aos mercados agrarios, dado que coa concentración alcanzan poder de decisión ou influencia sobre os prezos que reciben os socios e mesmo os non socios.
Pero, ademais en moitos casos, a cooperativa permite que o agricultor participe nas fases de transformación e comercialización tendo acceso ao retorno do valor engadido xerado ao longo da cadea alimentaria.
Que melloras vai traer consigo a transformación dixital para o sector lácteo?
Os nosos expertos en produción coméntannos que a introdución da dixitalización mediante a sensórica, a robótica e outros medios, converterase no maior elemento de incremento da produción de leite nos próximos anos.
Por outra banda, en relación coa comercialización xa estamos a comprobar como a introdución da dixitalización é unha ferramenta moi potente para achegarse mesmo a mercados afastados e aos nosos consumidores diarios e próximos.
Desde a Xunta de Galicia articuláronse diferentes axudas para os agricultores e gandeiros. Contribuíron a que haxa máis emprendedores mozos que aposten polo rural e polo lácteo?
Un dos grandes retos que ten o sector na actualidade e nos próximos anos é a substitución xeracional e a atracción de emprendedores ao rural e ao lácteo. Lograr a incorporación de mozos e mulleres converteuse nun reto clave da Xunta de Galicia e da propia Unión Europea, pois así vén reflectida nos obxectivos da Política Agraria Común para o período 2023 - 2027. Teñen que regresar os mozos e que non se marchen as mulleres do rural, pois nos próximos anos o ritmo de xubilacións de agricultores e gandeiros será elevado. Por iso, todos debemos contribuír a que haxa máis emprendedores mozos que aposten polo rural e polo lácteo.
Que papel xoga a asociación Mulleres de Seu no mundo rural?
A asociación Mulleres de Seu pretende ser un estímulo e un espello no que se poidan mirar con ilusión moitas agricultoras e gandeiras e mulleres de agricultores e gandeiros para dar visibilidade ao traballo invisible e constante que facemos nas nosas casas e para que nos proxectemos como unha peza fundamental nas diferentes estruturas do noso medio rural: nos órganos directivos das cooperativas e das asociacións rurais.
Mulleres de Seu pretende ser unha ferramenta máis de cara ao empoderamento responsable e profesional da muller rural, que contribúa de forma integradora a construír unha sociedade mellor, máis xusta, con mellor repartición de cargas, á beira das nosas parellas e dos nosos compañeiros de cooperativas, asociacións e empresas.
Fixéronse avances importantes para que a muller ocupe o papel que lle corresponde no sector?
É evidente que se están dando pasos na dirección correcta, pero o camiño é longo. Sabemos que o que pretendemos supón un cambio social importante na nosa sociedade rural. E todos os cambios sociais son lentos, non chegan nuns días. Cada día é máis habitual atopar mulleres en postos de responsabilidade no noso ámbito. Pero, non podemos parar o avance, e non pensando soamente en moitas de nós, as que agora estamos en activo no sector. Eu penso na necesidade de incorporar e atraer ao sector produtor e ao medio rural ás mozas, ás nenas que lles atrae esta actividade. Como as podemos atraer se non damos visibilidade ás mulleres actuais no sector? Teñen que ter referentes e espellos nos cales se poidan mirar e ver elas un futuro neste ambiente. Por tanto, demos pasos, pero creo que non son suficientes para facer atractivo o rural á muller do día de mañá, para que se vexa integrada e acollida no mesmo.