Ao día!
Residuos orgánicos que se converten en enerxía
A firma luguesa Agroamb Prodalt, especializada na valorización de residuos procedentes da industria agroalimentaria, e as promotoras de proxectos de gases renovables Genia Bioenergy e Enagás Renovable veñen de rubricar o acordo para a construción dunha planta de produción de biometano na aldea da Ponte de Outeiro, no concello de Castro de Rei.
O polígono agroambiental que impulsa o Grupo Agroamb “é posible grazas á alianza de tres firmas que apostamos pola innovación e a sostibilidade como motores dun porvir próspero do rural”, sinala o CEO da compañía con sede na comarca da Terra Chá, Severiano Ónega. Para o responsable da empresa lucense, “tanto as integrantes do consorcio como a propia Xunta de Galicia falamos o mesmo idioma: cremos, tal e como sinalou o presidente Rueda na visita á nosa planta, no gran potencial do interior galego, as enerxías renovables e o sector agrario”.
A instalación será capaz de procesar ao redor de 155.000 toneladas de residuos orgánicos cada ano, procedentes principalmente da industria agroalimentaria e dos lodos de depuradoras urbanas e industriais. Estes subprodutos serán convertidos en 107 GWh de enerxía en forma de biometano, suficiente para abastecer as necesidades do 11% do consumo de gas dos fogares da provincia de Lugo.
Iniciativa Empresarial Prioritaria
O Consello da Xunta de Galicia declarou este proxecto como Iniciativa Empresarial Prioritaria (IEP) pola súa potencial contribución á creación de riqueza e á consolidación de emprego de calidade no rural. Esta consideración ten como obxectivo a simplificación administrativa que supón, na práctica, a redución á metade dos prazos de tramitación para levar a cabo un proxecto, ratificando igualmente todas as garantías xurídicas durante o procedemento.
A futura planta permitirá xerar un ecosistema económico que beneficiará a produtores de residuos orgánicos (industrias agroalimentarias, municipios e depuradoras de auga), transportistas e agricultores, principalmente da comarca da Terra Chá.
Un modelo de economía circular
A posta en marcha desta infraestrutura pecha o círculo produtivo dunha empresa agrícola de orixe familiar como Agroamb que, ademais do cultivo de forraxes, presta servizos agrícolas e transforma restos orgánicos en emendas e biofertilizantes. Os procesos da planta terán como resultado a obtención de 137.000 toneladas ao ano deste tipo de produtos, que poden volver aos cultivos para mellorar a fertilidade da terra nun claro exemplo de modelo de economía circular. Mediante este proceso natural, agronomicamente seguro e sen molestias de cheiros ou insectos, contribuirase de paso a resolver problemas como a xestión das excrecións gandeiras ou a xestión dos residuos da industria agroalimentaria en Galicia.
Ao mesmo tempo, esta iniciativa contribúe a impulsar a redución de emisións de carbono, unha das principais medidas do Acordo de París, seguindo un modelo de economía circular xa que converte residuos en recursos. A súa posta en marcha, que suporía deixar de emitir aproximadamente 200.000 toneladas de CO₂ equivalente ao ano á atmosfera, está en liña co Plan de Economía Circular de Europa ─Directiva UE 2018/850─ sobre xestión, tratamento e valorización dos residuos para os municipios, a Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética do Goberno de España, o Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima (PNIEC) 2021-2030 e a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050.
Proceso de biodixestión anaerobia
O biogás obtense mediante un proceso de biodixestión dos residuos orgánicos, chamada dixestión anaerobia, un proceso natural que acelera a produción deste gas ecolóxico con alta concentración de metano, grazas á acción de bacterias que viven en ausencia de osíxeno.
Mediante un proceso de upgrading purifícase o biogás dando lugar ao biometano, con características semellantes ás do gas natural, polo que se pode inxectar á rede de gas para a súa distribución, o que permitiría a fogares, industrias e vehículos consumir enerxía procedente de fontes renovables.