
Ao día!

Unha visión conxunta do hidróxeno verde en clave industrial
O pasado mes de decembro celebrouse o acto de presentación da Alianza Industrial Galega do Hidróxeno Verde, da que forman parte máis de 700 empresas, institucións e axentes sociais, coa que se pretende que esta fonte de enerxía limpa se converta nunha oportunidade estratéxica para a industria produtora, pero tamén para outros sectores como o transporte ou a loxística.
Ao encontro asistiron representantes das empresas que cobren toda a cadea de valor que integra a Asociación Galega de Hidróxeno (AGH2), así como das universidades galegas, institucións e axentes sociais. Ademais de dirixirse á produción de hidróxeno verde, a Alianza actuará sobre cinco eixos: deseñar a posta en marcha de ferramentas e instrumentos de apoio específicos para o desenvolvemento do sector industrial do hidróxeno, identificar as oportunidades, promover a formación especializada nas empresas, fomentar a investigación e o desenvolvemento de solucións innovadoras para a industria en torno ao hidróxeno verde e impulsar a necesidade de establecer a infraestrutura necesaria para a execución do corredor atlántico do hidróxeno co hidroducto Galicia-Norte de Portugal e a conexión de Galicia coa Meseta (Guitiriz-Zamora), e con Europa.
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, fixo fincapé na importancia da colaboración público-privada para afrontar un reto de grandes proporcións, pero tamén unha oportunidade para Galicia, a segunda Comunidade que xera máis enerxía eléctrica a partir de fontes renovables e que ademais conta cunha ampla dispoñibilidade de recursos hídricos.
Neutralidade climática
O hidróxeno verde é un dos vectores enerxéticos clave para chegar ao obxectivo de neutralidade climática en 2050 marcado pola UE. Entre outras aplicacións, permitirá descarbonizar gran parte do sector industrial, ademais do enerxético ou do transporte. Segundo os datos do Ministerio de Ciencia e Innovación, España aspira a achegar o 10% do hidróxeno verde que xere Europa no ano 2030.
No marco do PERTE de Enerxías Renovables, Hidróxeno Renovable e Almacenamento destináronse a Galicia un total de 32 millóns de euros para o impulso de tres proxectos.
En concreto trátase das iniciativas H2 Pole (impulsada por Reganosa e EDP Renovables nas Pontes), Julio Verne (Autoridade Portuaria de Vigo) e H2 Galicia (Foresa e Iberdrola en Caldas de Reis).
Obtención do hidróxeno verde
O hidróxeno verde obtense a través dun proceso de electrólise impulsada por enerxías renovables que consiste en utilizar unha corrente eléctrica para separar con eléctrodos da molécula da auga o osíxeno e o hidróxeno.
Os electrolizadores son os dispositivos que executan este proceso, de aí a súa importancia para a expansión deste sector. Neles amontóanse os eléctrodos condutores divididos por unha membrana ás que se lles aplica unha voltaxe. Esta subministración enerxética xera na auga unha corrente eléctrica coa que se separan os seus compoñentes.
O hidróxeno obtido no proceso pode almacenarse como gas comprimido. Tamén pode ser licuado para o seu uso industrial ou en pilas de combustible (para fornecer electricidade a medios de transporte). En canto ao osíxeno, pode ser liberado á atmosfera ou tamén pode almacenarse para un uso posterior, por exemplo, no sector sanitario ou industrial.