Ao día!
Inleit, todo o que se pode obter do leite
A empresa Inleit é a promotora da primeira infraestrutura dedicada á produción de proteína láctea en Galicia e a que alberga á súa vez a primeira planta destinada á síntese de proteínas e subprodutos lácteos de alta calidade, un proxecto baseado na unión entre a investigación científica e a produción alimentaria.
Trátase dun dos Centros de Fabricación Avanzada impulsados pola Xunta de Galicia a través dunha convocatoria de axudas cuxo obxectivo é a creación de infraestruturas, fábricas compartidas e centros de I+D ao dispor de diferentes sectores industriais.
A base do proxecto reside en extraer produtos procedentes do leite con alto valor engadido para a industria alimenticia, nutricional e deportiva. Comprometidos coa investigación, o desenvolvemento e a innovación, os ingredientes funcionais obtéñense mediante tecnoloxías de vangarda para ofrecer o que se coñece como nova nutrición.
O obxectivo deste Centro de Fabricación Avanzada é liderar o sector da distribución de ingredientes lácteos en Galicia e ser o centro de coñecemento para a industria alimentaria e nutricional a través do I+D e en continua colaboración con outras empresas do sector, universidades e institucións científicas.
A nova planta foi deseñada para cumprir cos máis altos niveis de seguridade e calidade alimentaria. Un proxecto nado coa vocación de liderado internacional no que os participantes poden atopar un socio estratéxico para a nova era da nutrición.
Entre os seus obxectivos, atópase o de contribuír a desenvolver a base industrial a nivel local e a mellorar a competitividade das pequenas e medianas empresas. A planta pretende ademais resolver limitacións que se atopan nas tecnoloxías utilizadas ata o de agora -que danan as estruturas nativas das proteínas durante os procesos de separación- para, deste xeito, obter niveis máis altos de pureza destas substancias.
O Centro de Fabricación Avanzada conta con equipamentos de última xeración destinados ao fraccionamento do leite, modificación de retentados e permeados e funcionalización de proteínas. O proxecto supuxo un investimento próximo aos cinco millóns de euros, dos que 2,4 millóns foron achegados pola Xunta de Galicia a través do Igape.
Planta piloto única en España
O centro está situado nun edificio construído dentro da parcela da factoría de Inleit no polígono de Curtis Teixeiro. A titularidade é da compañía, cuxo obxectivo é convertelo nunha planta piloto única en España para o desenvolvemento de proxectos I+D+i relacionados coas proteínas lácteas e que poida abrirse a outras compañías.
Deste xeito, ábrese a porta a que iniciativas que, habitualmente, tiñan que ser subcontratadas a empresas estranxeiras para a súa realización se poidan facer en Galicia, con todo o positivo que iso significa para o conxunto do sector.
Con esta nova infraestrutura, Inleit buscará diferenciarse do resto de empresas especializadas nas coñecidas como proteínas estándar, permitindo a produción de produtos enriquecidos e competindo con grandes multinacionais do sector.
Na actualidade, non existen infraestruturas similares a nivel nacional, e unicamente 3 das 8 principais empresas competidoras do sector (a nivel internacional) teñen acceso ás tecnoloxías presentes nesta planta avanzada.
O eixo desta planta será o desenvolvemento de novos tipos de proteína. Así, os traballos centraranse na obtención de diferentes proteínas e ingredientes a partir do leite. Estes serán modificados mediante diversas técnicas co fin de obter novos tipos de proteínas cuxo índice nutricional e funcionalidades sexan distintas ás obtidas ata hoxe. Deste xeito, ábrese unha infinidade de novas aplicacións, tanto desde a perspectiva do produto como desde o punto de vista nutricional e alimentario.
O Centro de Fabricación Avanzada comparte espazo con Inleit Ingredients, unha filial galega de Liasa (Grupo Lácteos Industriais Agrupados), que iniciou a súa actividade en 2020. A compañía centra a súa actividade desde a súa creación na elaboración e transformación de leite noutros produtos; como lácteos fraccionados, concentrados líquidos e ingredientes en po.
Todo o leite que se procesa na planta, na que traballan 174 persoas, procede de granxas galegas. Concretamente, de 226 explotacións particulares ás que se suma, de modo indirecto, ao redor de 120 máis, a través da compra ás tres cooperativas Leitenoso, Clun e Aira. En 2021 transformáronse máis de 262 millóns de litros de leite.