Ao día!
Entrevista a Cesáreo González Pardal, presidente do Clúster Turismo de Galicia
Cesáreo González Pardal preside o Clúster Turismo de Galicia (CTG), do que é un dos seus fundadores, desde fai tres anos. Actualmente o organismo está conformado por 72 entidades que agrupan toda a cadea de valor: federacións, consorcios e asociacións provinciais e autonómicas que representan o 95% do sector turístico de Galicia, aglutinando a máis de 7.000 empresas.
Que momento vive o sector do turismo en Galicia?
O 2022 foi o ano da recuperación. Con 5,9 millóns de turistas rexistrados antes do 31 de decembro, superamos as cifras prepandemia do 2019, que se pechou con 5,1 millóns de viaxeiros. É, sen dúbida, un bo balance, pero non podemos esquecer que o turístico foi un sector especialmente afectado pola crise sanitaria e que agora nos enfrontamos, do mesmo xeito que o resto dos sectores, a un panorama económico e xeopolítico complicado debido á inflación, a subida de prezos dos combustibles, as consecuencias da guerra de Ucraína... Unha situación que xera incertezas de fronte ao próximo ano que, ademais, no noso caso, non terá o empuxe do Xacobeo.
Que impacto ten na economía o efecto Xacobeo e como repercutiu que se celebrara durante dous anos consecutivos?
Foi clave na recuperación do sector por dous motivos. O primeiro, sen dúbida, polo reclamo do propio Camiño en si, un sinal de identidade internacional da nosa oferta turística moi consolidada e que de novo celebraba a efeméride do Ano Santo tras máis dunha década. O segundo, porque cumpría moitos dos requisitos da demanda do turista tras a pandemia: un turismo sen masificacións, en espazos abertos, en contacto coas comunidades locais e a natureza e no que se pode gozar de experiencias de valor engadido. A uns días de terminar o ano, o rexistro de Compostelas supera as 436.000, case 90.000 máis que no 2019. Sen dúbida, son cifras que avalan a importancia do dobre Ano Santo 21-22 na recuperación do sector.
Que papel xoga o Clúster para converter a Galicia nun destino turístico intelixente e sostible?
Son dous elementos clave para o crecemento do sector e obxectivos principais do Plan Director Galicia Destino Seguro 21-23, que elaboramos en colaboración coa Administración autonómica.
Sabemos que o perfil do turista cambiou e cada vez hai máis viaxeiros preocupados polo cambio climático que demandan un novo modelo de turismo máis sostible. Debemos avanzar nesta dirección para poder dar resposta a estas esixencias. Ademais, é a única maneira de garantir o futuro do turismo e do sector.
Nesta liña, unha das últimas iniciativas do Clúster, en colaboración coa Administración autonómica, foi a posta en marcha o pasado mes de xullo do Clube de Produto Galicia Destino Sostible, unha iniciativa para integrar toda a oferta turística sostible da Comunidade, á que xa se adheriron preto de 70 empresas.
Por outra banda, estamos na década das tecnoloxías disruptivas. O big data, a intelixencia artificial, o 5G ou a ciberseguridade proporcionarannos novos servizos innovadores e solucións para o desenvolvemento sostible que buscamos. É fundamental a colaboración das administracións e o sector tecnolóxico para facilitar a incorporación das novas tecnoloxías no sector turístico.
Canto se avanzou na dixitalización das empresas e operadores turísticos?
O uso intensivo da tecnoloxía é un dos piares da nosa estratexia para incrementar a competitividade. A adopción destas tecnoloxías é un reto para todos os sectores produtivos, incluído, por suposto, o turístico. E aí é fundamental a colaboración das Administracións e o sector tecnolóxico para facilitar a incorporación destas solucións.
Este é o camiño que seguimos ata o de agora e que permitiu o desenvolvemento de actuacións como a plataforma tecnolóxica Turespazo, que se converteu nunha ferramenta imprescindible durante os tempos máis duros da pandemia, ou Smart-Camiño, con información e servizos avanzados en tempo real para os peregrinos a través dun portal web e unha app para dispositivos móbiles. Ademais doutras iniciativas en marcha como o proxecto EDIT, impulsado desde Galicia en colaboración coa Eurorrexión Norte de Portugal e que permitirá, entre outras cousas, a xestión dos fluxos de visitantes para facelos compatibles coas necesidades ambientais, grazas á aplicación de tecnoloxías como o big data.
Cales son os retos aos que se enfronta o sector de fronte ao futuro?
A pandemia obrigounos a adaptarnos rapidamente a cambios e situacións inéditas e moi complicadas. Para ser competitivos debemos ser resilientes. A crise obrigounos a preguntarnos: como queremos que sexa o futuro do turismo? Cremos que debe sumar ás persoas e ao planeta, apostando pola sustentabilidade, a dixitalización, a internacionalización e a calidade como sinais de identidade.