Inicio
Actualidade

Ao día!

17/01/2023

Galicia reforza os seus lazos con Miami

Comparte este artigo

A recente misión comercial impulsada pola Xunta pon en valor as oportunidades que significa para a nosa Comunidade o mercado estadounidense

Miami e o Estado de Florida son a porta de entrada cara ao mercado dos EE.UU e toda Latinoamérica e Caribe. A nivel turístico, Miami é o maior porto de cruceiros do mundo e Florida é, ademais, un dos centros loxísticos máis importantes do país cunhas 70.000 empresas operativas nesta industria.

No marco da Estratexia de Internacionalización de Galicia, o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, formou parte dunha misión comercial a Miami, acompañando a 23 empresas galegas con intereses comerciais nos Estados Unidos.

A Xunta ten en Miami unha das súas antenas do Igape, unha oficina que ten como función principal apoiar ás empresas, organismos intermedios e institucións galegas facilitando a súa internacionalización.

Os sectores clave

En concreto, Galicia ten nos EE.UU un mercado de referencia para o desenvolvemento do sector contract, aeroespacial, agroalimentario, naval, turístico e TIC.

O contract galego é coñecido en EE.UU porque varias firmas do sector están implantadas alí e porque, ademais, en todo o mundo hai exemplos de proxectos coa Marca Galicia. Os datos reflicten que hai moitas posibilidades de seguir incrementando a presenza do contract galego no sector residencial, hoteleiro, a nivel de servizos públicos ou tendo en conta que en Miami están implantados moitos estudos de arquitectura que operan en toda Latinoamérica.

No que respecta á industria aeronáutica, o Estado de Florida está considerado o lugar de nacemento da aviación comercial e porta de entrada ao mundo aeroespacial. Alberga 131 aeroportos de uso público, 20 comerciais e máis dun cento privados, e dous dos nove aeroportos espaciais de EE.UU—Cabo Cañaveral (NASA) e Cecil Field, epicentro da innovación aeroespacial no país—.

A industria aeronáutica en Florida conta con máis de 630 empresas dedicadas a este sector e arredor de 1.700 centros aeronáuticos. Florida é, tamén, sede dos principais fabricantes de todo tipo de aeronaves e compoñentes. As principais oportunidades para as empresas galegas están na aviación civil e no segmento dos vehículos aéreos non tripulados, que en EE.UU tamén está crecendo e se prevé que o seu uso se estenda do campo militar ao comercial.

Con esta perspectiva, o vicepresidente económico presentou en Miami o Polo Aeroespacial de Galicia, cun investimento previsto ata 2026 que supera xa os 300 millóns de euros, e no que participan como socios tecnolóxicos as principais empresas desta industria: Airbus, Babcock e Telespazio, xunto con Indra e Boeing. “Florida é un dos puntos do mapa ao que mirar: por experiencia, por aprendizaxe e por calquera proxecto en común que se lles poida propor ás empresas galegas do sector”, precisou Conde.

Por outra banda, sabendo que Miami foi o porto con máis pasaxeiros dos últimos anos, o obxectivo de Galicia é basearse na súa experiencia para lograr que os portos galegos sigan sendo unha escala de referencia dos cruceiros que chegan a Europa.

Conde avanzou a disposición da Autoridade Portuaria de Miami de estudar a creación dunha conexión directa entre Florida e Galicia para o tráfico de mercadorías. O conselleiro avogou por explorar a través do Porto de Miami novas liñas de mercancías entre Galicia e EE.UU, tendo en conta que arredor do 15% das exportacións proveñen de Europa. En parte, o interese radica en que a maior parte da produción de pneumáticos que Sentury prevé fabricar na futura planta que estudia implantar nas Pontes serán para exportar ao mercado estadounidense vía Miami, en torno a 10 millóns de unidades.

Tamén pode interesarche