Ao día!
A industria naval galega ante a oportunidade dos fondos europeos
Conecta Naval é unha iniciativa da Xunta de Galicia en colaboración con Pymar para canalizar unha liña de asesoramento ás empresas galegas que estean interesadas en levar a cabo propostas susceptibles de apoio a través dos fondos europeos previstos no Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica do sector naval: o Perte Naval.
Os estaleiros galegos atópanse nun momento de repunte da súa actividade. Ao peche do terceiro trimestre de 2022, contaban con 12 buques en carteira por un importe superior aos 570 millóns de euros, que son xeradores de máis de 3,8 millóns de horas de traballo. Deles, durante os nove primeiros meses do ano pasado contratáronse en Galicia 6 novos buques, por un importe próximo aos 190 millóns de euros. En termos de arqueo bruto compensando (CXT), que mide o volume e complexidade das construcións, estes datos supoñen un aumento de preto dun 10% fronte ao mesmo período de 2021, situándose no seu maior valor dos 3 últimos exercicios.
A Oficina Conecta Naval, coa que se pode contactar a través do correo conectanaval@igape.es, impulsará a participación de empresas galegas en proxectos de alto valor engadido que dinamicen a industria da Comunidade, favorezan a súa reindustrialización e apoien a creación de emprego. Trátase de proxectos cun relevante compoñente de innovación tecnolóxica e investimento en I+D+i, e que favorezan o despregamento das enerxías renovables -en particular, polo seu alto potencial de desenvolvemento en Galicia, da enerxía eólica mariña flotante-, a descarbonización da economía, a mellora da eficiencia enerxética e as solucións de economía circular. Así mesmo, terá un papel destacado a formación e capacitación dos profesionais nas innovacións tecnolóxicas e nas esixencias da transición ecolóxica, ademais de fomentarse a efectiva eliminación da brecha de xénero.
Comunicación directa coas empresas
Conecta Naval supón un exemplo máis dunha colaboración público-privada eficiente, o que constitúe a clave para maximizar o aproveitamento dos fondos europeos Next Generation. A súa orixe remóntase ao protocolo subscrito entre a Xunta de Galicia e Pymar en 2021 para a elaboración dun plan de promoción e transformación do sector naval galego, que establece un marco de cooperación estable para o impulso e desenvolvemento de actuacións e proxectos en beneficio do sector naval en Galicia.
Froito do devandito protocolo, elaborouse unha Estratexia de Recuperación, Crecemento e Diversificación da Industria Naval de Galicia para o período 2022-2026. O pasado mes de novembro, a Xunta de Galicia actualizou a Estratexia 2022-2026 incluíndo a posta en marcha da Oficina Conecta Naval.
Para o funcionamento desta oficina, a Xunta habilita unha canle de comunicación directo coas empresas, cun especial foco posto en pemes e microempresas, de forma que poidan remitir o seu interese en participar en potenciais proxectos do Perte Naval. Pymar, que na actualidade colabora con Navantia na definición de propostas de proxectos tractores e primarios para a súa presentación á futura convocatoria do Perte Naval, contactará coas empresas que trasladen o seu interese a través de Conecta Naval para analizar a viabilidade e encaixe dos correspondentes proxectos propostos coas axudas previstas no Perte.
O Perte Naval
A convocatoria do Perte Naval foi publicada o pasado 23 de decembro de 2022. O prazo de presentación de solicitudes está aberto do 18 de xaneiro ata o 28 de febreiro de 2023.