
Ao día!

Galicia Calidade celebra os seus 25 anos de vida
Galicia Calidade constituíuse como marca no ano 1997 co apoio do Goberno galego e co obxectivo de amparar e potenciar a reputación da materia prima galega, a excelencia dos seus produtos e a calidade dos seus servizos. Hoxe, 25 anos despois, a certificación segue representando o desexo de ser excelentes e de seguir trunfando en todo o mundo.
Na gala do XXV aniversario do distintivo, celebrada o pasado mes de decembro na Cidade da Cultura e na que se deron cita empresas e autoridades, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, agradeceu a “aposta visionaria” que tiveron de sumarse nos seus inicios marcas de gran calado e amplamente recoñecidas nos mercados, como Estrella Galicia, Coren ou Jealsa. Ademais, destacou que Galicia Calidade “rachou tópicos e amosou unha Galicia que non se baseaba nin en imaxes grises nin en lendas negras”.
Desde o principio o selo tivo unha clara vocación multisectorial. Non tardarían en chegar outras marcas como Cabreiroá, Mondariz, Feiraco, Porto de Celeiro e Avícola de Galicia, nunha constante e firme aposta que na actualidade integra a 150 empresas e 750 produtos e servizos.
Baixo o seu paraugas hoxe atópanse sectores moi diferentes, como a alimentación, a hostalería, as bebidas, os lácteos, a xoiería ou os viños, e tamén outros relacionados coa construción dos nosos fogares, as plantas e o téxtil.
O selo Galicia Calidade non só é unha garantía de orixe, senón tamén de calidade e de bo facer. O distintivo esixe ás empresas adheridas que apliquen os máis estritos controis homologados para garantir a calidade dos seus produtos e servizos, e certifica o seu cumprimento mediante auditorías periódicas, sendo polo tanto toda unha garantía de confianza para os consumidores e clientes.
Grazas á traxectoria do selo e á súa excelencia contrastada “‘Galicia’ e ‘Calidade’ quedaron unidas para sempre xamais e parece que unha leva á outra”, tal e como concluíu Rueda no acto de aniversario.
Galicia Calidade Alimentaria
Como novidades de futuro, proximamente engadirase dentro do selo unha sección específica denominada Galicia Calidade Alimentaria, co obxectivo de englobar todos os produtos alimentarios con excelencia recoñecida e impulsar a súa internacionalización.
Alberto Cabadas, xefe da planta de Mondariz, explica que para eles este distintivo “é un motivo de orgullo co que conseguimos representar a toda Galicia”.