
Ao día!

As microempresas e pemes cren cada vez máis no efecto innovador
Tras o éxito da primeira convocatoria, a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación, lanza unha nova edición dos Bonos de Innovación. Trátase dun instrumento enfocado a apoiar ás microempresas e pemes co obxectivo de que dean un salto cualitativo e cuantitativo na súa actividade de I+D+i a curto prazo a través da contratación de servizos externos de axentes innovadores.
O ano pasado as axudas chegaron a un total de 66 beneficiarios, dos cales o 67% obtiveron por primeira vez un apoio da Axencia Galega de Innovación, impulsando así os primeiros pasos de innovación destas entidades.
Para 2023 o programa conta cun orzamento de 750.000 euros, cos que se prevé mobilizar máis dun millón, co obxectivo de achegar a innovación a todo o tecido empresarial galego, mellorando os seus produtos, servizos e procesos e xerando valor engadido para os consumidores e clientes, así como conseguir un impacto positivo na súa capacidade para crecer e internacionalizarse.
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o día 10 de abril de 2023.
Quen pode solicitar os Bonos de Innovación?
Ademais de microempresas e pemes, como novidade este ano tamén poden optar aos Bonos de Innovación as entidades do terceiro sector. Deberán estar inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Xunta de Galicia e carecer de ánimo de lucro, pero contar con actividade económica. Deste xeito, poderán mellorar os seus servizos á sociedade e, en especial, aos colectivos máis desfavorecidos, a través da innovación social.
Que tipo de Bonos de Innovación hai dispoñibles?
A convocatoria contempla dúas liñas de apoios:
Por unha banda, estas axudas permitirán contratar servizos de apoio á innovación, como actividades de protección á innovación (a través de modelos de utilidades e patentes), xestión e vixilancia tecnolóxica ou accións estratéxicas para desenvolver novos produtos, procesos e servizos, nos que se inclúen como novidade as accións de deseño.
Por outra banda, concederanse bonos para cubrir os custos derivados da tramitación de presentación de axudas de tipo individual ou cooperativo ás convocatorias de I+D+i estatais, europeas e internacionais, así como para a contratación de servizos de apoio para a tramitación de incentivos fiscais á I+D+i e, como novidade, para bonificacións da Seguridade Social por máis de 10 investigadores.
As axudas, de concorrencia competitiva, cobren o 70% do custo elixible -agás no caso dos custos de protección de coñecemento que é do 50%-, e poden chegar aos 35.000 euros. Serán subvencionables os custos efectuados desde a data de presentación da solicitude ata o 6 de outubro.
Para axilizar a tramitación apóstase por unha maior simplificación administrativa. Ademais, as entidades localizadas nos Concellos Emprendedores contarán con puntuación adicional segundo os criterios de baremación.