Inicio
Actualidade

Ao día!

16/02/2023

Tecnópole, 30 anos liderando a innovación tecnolóxica en Galicia

Comparte este artigo

O Parque Tecnolóxico de Galicia alberga na actualidade a máis dun centenar de empresas de diferentes sectores que suman 1.500 profesionais

O 10 de outubro de 1992 tivo lugar a inauguración oficial do Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) en San Cibrao das Viñas. A súa actividade comezou en marzo de 1993 grazas ao impulso da Xunta de Galicia e ao apoio, entre outros, das tres universidades galegas, da Deputación de Ourense e dos concellos de Ourense e San Cibrao das Viñas. A aposta de crear en Ourense un parque tecnolóxico era novidosa e diferencial para a época. Naquel momento só había 9 proxectos similares en España, mentres que na actualidade funcionan máis de 60.

Hoxe, tres décadas despois, o Parque alberga máis dun centenar de empresas, na súa maioría de base tecnolóxica e elevado perfil innovador, sumando un total de 1.500 profesionais.

O parque conta cunha superficie de 594.000 m2, dos cales 2.000 están destinados á incubación de empresas, e conta entre as súas instalacións cun laboratorio de biotecnoloxía, un centro de experimentación en enerxías renovables, un centro de cirurxía experimental cun sistema de quirófano avanzando, un coworking e un heliporto.

En torno ao 30% da actividade de Tecnópole xira ao redor das tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC) e o resto está diversificado en varios sectores, cunha tendencia emerxente á especialización en dous ámbitos moi definidos: a biotecnoloxía e as enerxías renovables.

Egatel (integrada en COMSA Corporación), grupo referente no sector das infraestruturas e a enxeñaría a nivel mundial, ou a cooperativa agroalimentaria galega Coren, foron algunhas das primeiras empresas que se instalaron en Tecnópole e que aínda se manteñen hoxe.

Xunto a elas, destacan outras pertencentes a importantes grupos empresariais como Coasa (Aernnova), empresa líder no deseño e fabricación de aeroestruturas; ou ACS Ibérica (grupo CIE Automotive), provedor global de compoñentes e subconxuntos para o mercado de automoción. Así como firmas relevantes a escala nacional como Roberto Verino no sector téxtil.

Ademais, nas infraestruturas do parque teñen a súa sede 5 centros tecnolóxicos: o Centro Tecnolóxico da Carne, o Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira de Galicia (CIS-Madeira), o Centro de Investigación, Transferencia e Innovación (CITI), Coren CTI e o Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia.

Sustentabilidade e internacionalización

Para o futuro inmediato de Tecnópole, están a por en marcha diferentes proxectos que apostan pola dixitalización, a sustentabilidade e a internacionalización.

Por un lado, a creación do Centro de Ciberseguridade de Galicia, que podería estar totalmente implantado en 2025. Por outro lado, a creación da primeira comunidade enerxética empresarial de Galicia, que está previsto que se faga efectiva en 2023, que permitirá que o parque sexa autosuficiente, cunha potencia instalada de 2 MW.

Ademais, na actualidade Tecnópole está centrado no desenvolvemento do programa Galicia Avanza, unha aceleradora para a internacionalización de empresas en colaboración coa Xunta de Galicia. Nesta iniciativa participan 60 pemes innovadoras e/ou de base tecnolóxica de toda a Comunidade que, polo seu desenvolvemento e evolución, poden ver como as súas iniciativas empresariais adquiren unha expansión máis global. Nunha primeira convocatoria está a traballarse con 30 empresas, que concluirán a súa folla de ruta internacional en febreiro, para arrincar a continuación con outras 30 compañías na segunda convocatoria do programa.

Unha aposta pola divulgación científica

Unha das principais apostas de Tecnópole ao longo de toda a súa historia é a divulgación científica de calidade, na que destacan propostas tan relevantes como Galiciencia: a maior feira científica que se celebra en Galicia desde 2006. O seu obxectivo principal é achegar a ciencia a sociedade, espertando vocacións científicas especialmente entre estudantes de Primaria, Secundaria e Bacharelato.

Tamén cómpre destacar a recentemente creada Aula Newton Galicia, unha aula de aprendizaxe de ciencias, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas destinada a promover as carreiras científicas e tecnolóxicas entre os mozos cun enfoque totalmente práctico e moi innovador. Trátase dunha iniciativa promovida por Boeing, a organización sen ánimo de lucro FIRST Scandinavia, a Xunta de Galicia e Tecnópole.

Tamén pode interesarche