Inicio
Actualidade

Ao día!

21/02/2023

Hifas da Terra, o potencial dos fungos medicinais

Comparte este artigo

A empresa pontevedresa foi galardoada nos recentes Premios Galicia Innovación e Deseño pola súa traxectoria innovadora no ámbito da micoterapia

Hifas da Terra é unha empresa biotecnolóxica galega líder en Europa no desenvolvemento de produtos baseados en fungos medicinais para a saúde humana. Fundada en 1998, a iniciativa xurdiu como unha spin-off da Universidade de Santiago de Compostela para a creación de produtos micolóxicos innovadores.

Á fronte, atopámonos á pontevedresa Catalina Fernández de Ana, bióloga, micóloga, micoterapeuta e doutora en medicina, especializada en micoloxía aplicada na oncoloxía integrativa. O seu pai Franscisco Fernández de Ana, un recoñecido investigador, fitopatólogo e micólogo, transmitiulle desde nena a súa paixón polos cogomelos. Así que, en 5º curso de Bioloxía, cando se enfrontou ao proxecto de idear unha empresa biotecnolóxica centrada nun produto innovador ou que non existise o mercado, tívoo claro. “Sen innovación Hifas da Terra non existiría”, explica. “A micoterapia ou micomedicina é unha ciencia completamente nova, polo que calquera cousa que se quixese facer tiña que estar baseada na innovación, a investigación e o desenvolvemento”.

As aplicacións medicinais dos fungos son inmensas. Actualmente, e con máis de 20 anos de traxectoria, a carteira de artigos para o coidado da saúde de Hifas da Terra inclúe desde nutracéuticos e tratamentos de apoio para pacientes oncolóxicos ata cremas e produtos de nutricosmética. “Ao longo dos anos fomos aprendendo froito de desenvolver moitos produtos e liñas diferentes, elixindo aquelas que nos traían un maior éxito, pero sempre cun piar fundamental: a evidencia científica”, conta.

O deseño foi tamén clave no seu éxito e desde o inicio apostaron por unha imaxe potente e diferencial. De feito, é unha das empresas beneficiarias do programa DeseñaPeme. “O deseño contribúe a transmitir a un paciente ou prescritor a potencia da formulación dun produto. Prestamos moita atención aos detalles, a comunicación, o uso de materiais ecolóxicos e reciclables… Debe haber unha continuidade no discurso”, asegura.

A súa traxectoria innovadora foi valorada a través de numerosos recoñecementos, entre eles o máis recente nos Premios Galicia Innovación e Deseño, impulsados pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación.

Proxectos de I+D

“O noso principal reto de futuro é ampliar o número de xente que coñece e consome Hifas da Terra”, comenta Catalina Fernández de Ana. Para alcanzar ese fito será clave “contar cos resultados dos grandes ensaios clínicos que estamos a facer e abordar posteriormente a área regulatoria para que os nosos produtos poidan ser prescritos nos servizos de saúde”.

Hifas da Terra está implicada en diversos proxectos de I+D, en áreas como a músculo-esquelética, a inmunoloxía e a oncoloxía ou as patoloxías dixestivas e neuronais.

Ademais, a compañía colabora con todo o ecosistema de investigación e innovación, non só de Galicia, senón tamén doutros países, como Italia ou Reino Unido. “É fundamental axuntar esforzos e validar o traballo realizado xa por outros grupos de investigación para non estar a inventar a roda cada vez. Estamos ao servizo da sociedade e a nosa misión é ofrecer solucións a problemas que hoxe aínda non as teñen, de forma áxil e rápida”, conclúe.

Tamén pode interesarche