
Ao día!

Porto-Muíños, agricultores do mar
Cociñar con algas? Baixo esta idea innovadora, Antonio Muíños e Rosa Mirás comezaron hai 25 anos realizando unha primeira recollida experimental de 100 quilos de algas e hoxe comercializan un volume húmido próximo ás 400 toneladas. Son pioneiros nun sector no que Galicia está chamada a ser un referente mundial
Hai uns anos, cociñar con algas era un tabú. Hoxe, no supermercado, xa é posible atopalas en conserva, deshidratadas, en ensalada, para condimentar… Tamén é cada vez máis frecuente incorporalas en propostas gastronómicas populares como empanada, tortilla, sopa… Polas súas características e propiedades nutricionais, as algas están chamadas a ser un dos superalimentos naturais do futuro. Na investigación, divulgación e contribución a crear esta cultura occidental das algas atopamos unha empresa familiar galega situada en Cerceda (A Coruña): Porto-Muíños, fundada en 1998 por Antonio Muíños e Rosa Mirás.
Comezaron timidamente buscando un produto alternativo galego para darlle saída a unha fábrica de conservas que tiñan parada e foi así como puxeron o seu foco nas algas, o que sería o xerme dunha vida adicada a divulgar o coñecemento sobre as chamadas “verduras de mar”. Aproveitaron a riqueza natural da costa galega e apoiáronse na universidade para identificar as especies máis aptas gastronomicamente. “Fixemos unha primeira solicitude á administración para unha recollida experimental, co obxectivo de facer as primeiras probas de cociña. Empezamos recollendo 100 quilos, que acabamos regalando”, lembra Antonio Muíños, o seu impulsor.
Sacar adiante unha proposta de negocio tan innovadora non é tarefa doada e Muíños recoñece que os primeiros anos foron difíciles. No camiño, apoiáronse na alta cociña, que por aquel momento estaba despuntando en España, e na que se buscaban produtos novidosos e diferenciais. “O éxito da nosa empresa foi froito dun acto de colaboración fantástico entre chefs, profesionais, medios de comunicación, xornalistas… Cada un achegou algo á divulgación das algas desde a súa área”, explica.
Tiveron que pasar máis de 10 anos desde o inicio da súa andaina ata que as grandes superficies comezaran a interesarse por ter nos seus estantes algas para o consumidor final.
A innovación, no seu ADN
Porto-Muíños ten hoxe arredor de 25 traballadores e máis dun centenar de produtos no mercado, con presenza nunha vintena de países de todo o mundo. Comercializan un volume húmido próximo ás 400 toneladas.
A cultura da innovación está metida no ADN da empresa, que realiza un labor constante de busca de novos usos ou aplicacións, actualmente moi enfocados sobre todo na agricultura ou na alimentación animal. Entre eles, destaca o proxecto de innovación Algaterra, orientado a elaborar novos insumos agrícolas con descartes de algas mariñas que se producen na industria alimentaria, e probar a súa eficacia para ser utilizados tanto en agricultura ecolóxica como convencional.
“Galicia vai seguir crecendo no sector das algas pola enorme riqueza da nosa costa e polas características que temos de clima ou temperatura da auga, que non teñen nada que envexar a zonas punteiras como Corea, Maine ou Portland”, comenta Antonio Muíños.
Iso si, “na medida na que se amplíe exponencialmente o consumo das algas, cobra máis importancia potenciar o cultivo do maior número de especies posible e co menor impacto no medio natural”, destaca.