Inicio
Actualidade

Ao día!

15/03/2023

Entrevista a Iago Domínguez Álvarez, xerente do Clúster da Función Loxística de Galicia

Comparte este artigo

“O transporte do futuro é intermodal e Galicia ten moitas oportunidades que ofrecer neste campo”

O Clúster da Función Loxística de Galicia naceu coa vontade de impulsar o sector loxístico galego, aglutinando ás empresas do ramo. Entrevistamos ao seu xerente, Iago Domínguez, para abordar os retos e oportunidades que ten Galicia para converterse nun polo de referencia neste ámbito

Como é a cadea de valor do sector loxístico en Galicia e a que tipo de empresas aglutina o Clúster?

O sector loxístico de Galicia comprende unhas 12.000 empresas que dan emprego a preto de 50.000 persoas. Pero a cadea de valor vai moito máis alá, porque se incluímos as actividades relacionadas con loxística comprendidas dentro doutros sectores, estamos a falar do 12,54% do PIB galego e o 14,45% do total de emprego en Galicia, o que supón preto de 160.000 postos de traballo. Por iso, no Clúster temos tanto empresas de loxística como empresas industriais e de distribución, autoridades portuarias e centros de coñecemento. Un conglomerado de preto de 50 grupos empresariais de diferentes características que configuran unha comunidade loxística de procura de sinerxias moi interesante.

Cales son os principais retos aos que se enfronta o sector loxístico en Galicia?

O sector loxístico está a sufrir moi directamente todas as incidencias nas cadeas de subministración mundiais, polo que se está tendo que adaptar moi rápido a grandes cambios e iso sempre é difícil. Coa vista posta no longo prazo, os nosos retos pasan por posicionar Galicia no mapa loxístico internacional, atraendo novas empresas que exporten desde aquí e outras que nos usen como nodo loxístico multimodal. Para iso temos que modernizarnos máis e ser punta de lanza en innovación, integración de procesos e dixitalización, á vez que seguimos desenvolvendo as nosas infraestruturas.

Que fortalezas e oportunidades ten o sector na nosa Comunidade?

Somos un país tradicionalmente moi vinculado ao mar. Non só á pesca, senón tamén ao transporte marítimo. Temos que ser capaces de aproveitar a nosa posición central no arco atlántico europeo, a nosa maior proximidade a América e a nosa idoneidade para o cambio modal entre marítimo e terrestre. Iso xa o estamos facendo en sectores como a automoción, a pedra, o forestal, o téxtil ou a alimentación, pero debemos seguir avanzando nestes e outros sectores.

A nosa principal fortaleza é que temos as mellores empresas loxísticas, que xa están a prestar servizo nos mercados máis esixentes con gran éxito e aínda temos capacidade de crecer máis.

Por que o Corredor Atlántico é unha infraestrutura clave?

Sen dúbida, o transporte do futuro é intermodal: un transporte que aproveite o marítimo para longas distancias e se traslade a transporte terrestre nos tramos finais. Galicia ten moitas oportunidades e moito que ofrecer nese campo. E aquí o transporte ferroviario é fundamental para poder mover grandes cargas a longas distancias dunha forma económica e sostible ambientalmente, dous factores fundamentais en transporte.

O Clúster da Función Loxística de Galicia é unha das entidades que forma parte da Alianza Industrial Galega do Hidróxeno Verde. Que papel deben xogar as enerxías renovables e limpas no transporte e a loxística?

O transporte xera un importante volume de emisións á atmosfera e por iso estamos a traballar desde todos os ámbitos por reducir a súa pegada ambiental. Non podemos perder de vista que, para a mobilidade, a demanda de enerxía é moi elevada e está a haber a nivel mundial, e especialmente en Europa, unha aposta moi importante pola súa descarbonización.

A Xunta conta cunha liña de axudas para impulsar a dixitalización, a sustentabilidade e unha función loxística máis avanzada. Cara a onde avanza a loxística sostible?

Claramente cara á eficiencia enerxética; a axilidade na xestión da información e a racionalización do uso dos recursos humanos, aproveitando as máquinas para as xestións máis repetitivas e as persoas para aquilo ao que non chegan as máquinas. Por iso, a robotización de procesos administrativos e operativos, a dixitalización e integración de sistemas, a predictibilidade, a rastrexabilidade, xeolocalización e sensorización de transportes… todo compasado cun acceso en tempo real ao dato fiable e inmutable son cuestións que xa forman parte das necesidades do presente.

Tamén pode interesarche