Inicio
Actualidade

Ao día!

21/03/2023

Financia o teu proxecto de base tecnolóxica con Galicia Innova Tech

Comparte este artigo

A través desta ferramenta, a Xunta busca axudar a proxectos empresariais cun marcado carácter innovador e que valoricen o coñecemento xerado polos diferentes axentes do sistema galego de I+D+i

Fomentar a expansión do tecido empresarial é un dos obxectivos clave para potenciar o desenvolvemento económico de Galicia. Para iso, e coa intención de facer posible a materialización de proxectos innovadores no noso territorio que contribúan a tal fin, a Xunta de Galicia pon ao dispor das empresas galegas diferentes recursos e ferramentas, como o Fondo Galicia Innova Tech.

Que é o Fondo Galicia Innova Tech?

Cun capital de 24 millóns de euros, Galicia Innova Tech lidera o financiamento de proxectos de base tecnolóxica na nosa comunidade. Trátase dun dos fondos de capital risco xestionados por parte de XesGalicia, no que participan o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e a Axencia Galega de Innovación (Gain). É un fondo dirixido a proxectos empresariais innovadores, moi especialmente a aqueles resultantes da posta en valor do coñecemento xerado polos diferentes axentes do sistema galego de I+D+i.

Entre os proxectos financiados polo fondo atópanse máis dunha decena de empresas, algunhas delas spin-off das universidades galegas, dentro de sectores tan diversos como o biotecnolóxico, a nanotecnoloxía, deep-tech ou o aeronáutico.

Dúas das empresas recentemente financiadas polo fondo son Libera Bio e Celtarys Research:

  • Libera Bio centra a súa actividade no desenvolvemento de tratamentos personalizados contra o cancro baseados nunha nova nanotecnoloxía, coñecida como MPN Technology, que permite a distribución selectiva de medicamentos biolóxicos (como anticorpos monoclonales) a tumores e células metastásicas.
  • Celtarys Research centra a súa actividade no desenvolvemento de ferramentas para o descubrimento de novos fármacos, empregando unha tecnoloxía propiedade da propia empresa.

Adicionalmente ao investimento directo en empresas, e co obxectivo de lograr un maior impulso do ecosistema emprendedor mediante a colaboración co sector privado, o fondo mantén acordos con varias das principais xestoras privadas de fondos a nivel nacional. Grazas a devanditos acordos permítese incrementar as posibilidades de acceso ao financiamento para as empresas galegas de base innovadora.

Que requisitos deben cumprir as empresas que o solicitan?

  • Debe tratarse de proxectos empresariais cun marcado carácter innovador.
  • Preferentemente iniciativas que teñan a súa orixe no sistema galego de I+D+i.
  • O equipo de xestión da empresa que o solicita deberá ter unha probada capacidade de xestión.

Como funciona?

O funcionamento do fondo é análogo a calquera fondo de capital risco no mercado. A sociedade xestora do fondo, XesGalicia, realizará unha análise do proxecto e en caso de resultar aprobado procederíase a financiar os proxectos mediante participacións temporais e minoritarias no capital social das empresas.

Como solicitar?

Se crees que o fondo Galicia Innova Tech, FICC está pensado para ti, presenta o teu proxecto cumprimentando o formulario que atoparás na web de XesGalicia. Trátase dunha liña aberta de maneira permanente, así que poderás facelo en calquera momento.

Tamén pode interesarche