Inicio
Actualidade

Ao día!

23/03/2023

ODS Protein, a alimentación do futuro ‘cocíñase’ en Galicia

Comparte este artigo

Esta startup viguesa, que desenvolve proteínas alternativas destinadas á industria alimentaria, está consolidando o seu proxecto de negocio a través da Business Factory Food

A innovación no sector alimentario ten por diante un amplo horizonte de posibilidades para dar resposta aos retos do futuro. ODS Protein é unha startup con base en Vigo e centrada na produción de proteínas alternativas e de alto valor nutricional, obtidas a partir da fermentación e destinadas á súa incorporación como ingrediente en diferentes produtos alimentarios.

Detrás do proxecto atopamos a Iria Varela e a Martín Rodríguez, dous biólogos que se coñeceron estudando na Universidade de Vigo. No último curso do grao, na asignatura de creación de empresas, uniron forzas e pensaron nunha proposta de negocio relacionada coa industria alimentaria e a obtención de proteínas para unha dieta vegana. “Nese momento démonos conta da necesidade e do impacto que tiña a produción de proteínas a nivel mundial”, explica Iria Varela. Foi así como deu comezo o xerme da investigación que hoxe se materializa en ODS Protein.

Biotecnoloxía, innovación e sustentabilidade son os tres piares da empresa, que ten como misión dar solución a dous grandes retos: a disposición de alimentos, que se plantexa como un reto de futuro debido ás estimacións de poboación mundial realizadas pola FAO, e a necesidade dunha produción sostible. “ODS nace do desafío de buscar novas vías de produción de alimentos para asumir a demanda que xa existe e que seguirá medrando nos próximos anos”, explica Iria. “Ademais, fronte á contaminación da industria actual, buscamos contribuír a facer máis con menos, deixando a menor pegada de carbono posible”, prosigue.

O primeiro gran fito da traxectoria da empresa foi en 2019, cando foron seleccionados para Incuvi Vigo, o programa de apoio a iniciativas empresariais de base tecnolóxica da Universidade de Vigo. Ao longo da súa traxectoria, tamén contaron co apoio da Axencia Galega de Innovación e do programa BioIncubaTech.

En 2020 deron o salto á Business Factory Food (BFFood), a aceleradora do sector alimentario de Galicia, impulsada pola Xunta de Galicia e o Clúster Alimentario (Clusaga). “Comezamos na fase de aceleración e co financiamento que nos otorgou o programa, pasamos do papel á realidade física e tanxible de poder comprobar que o que tiñamos en mente se podía levar a cabo”, comenta Iria.

Na actualidade, participan de novo, agora xa na fase de consolidación, coa que están rematando a etapa preindustrial para dar o salto ao mercado. “A Business Factory Food permítenos ter de man e estar en contacto directo con empresas do sector para as que, en moitos casos, a solución que estamos desenvolvendo podería ser unha opción, polo que podemos captar as máximas opinións posibles”, remarca Iria. A isto súmase “o valor de entrar nun ecosistema no que sempre estás acompañado, desenvolvendo solucións das que toda Galicia se pode beneficiar e orientadas aos retos do futuro máis inminente, identificados por Clusaga”.

As perspectivas de futuro de ODS Protein son alentadoras. Desde 2022 xa contan con Viscofan, a empresa líder mundial de envolturas de alimentos cárnicos, como socio estratéxico. “Somos produtores de ingredientes. É fundamental a alianza con empresas que queiran levar as nosas proteínas ao mercado en forma de diferentes formatos alimenticios”, comenta. Agora, o reto inmediato “é preparar aplicacións que estean ricas e que gusten ao consumidor para facernos unha idea de que forma vai ter este ingrediente unha vez que chegue ao supermercado”.

Tamén pode interesarche