
Ao día!

Entrevista a Santiago Besteiro, Premio Nacional de Artesanía 2022
Baixo a marca “Santiago Besteiro Design”, desde o seu obradoiro de Monterroso, Santiago Besteiro, Premio Nacional de Artesanía 2022 na categoría de Emprendemento, adícase ao deseño, desenvolvemento e elaboración de pezas de alta calidade realizadas con materiais naturais e biodegradables, como o coiro, a madeira ou a pedra.
Fotografía ©Paco Rocha
Cando tivo claro que adicaría a súa vida profesional á artesanía?
Desde moi novo estiven vencellado con diferentes oficios artesáns. Na casa, meu pai facía cestos, cadeiras, etc. Iso marcoume algo o camiño que logo completaría co acceso á Escola de Artes e, posteriormente, con facer Belas Artes. Vin claro que a creación era o meu camiño.
Nun mundo dominado pola dixitalización e as novas tecnoloxías, teñen cabida os oficios tradicionais?
Por suposto, teñen cabida e son necesarios. Por unha parte, como legado cultural a preservar e ensinar; e por outro lado, como un servizo que sempre ten demanda e público.
Onde está a clave para poder vivir do que a un lle gusta?
A clave é ir indagando ata atopar o teu sitio. Desde logo non hai unha fórmula que nos leve a iso directamente, pero si hai uns pasos que axudan. Un deles é a formación. É preciso contar con formación en deseño, en desenvolvemento de produto, en técnicas e tamén en coñecementos sobre mercado. Iso é o básico, evidentemente canto máis engadamos, mellor.
A calidade e a atención ao detalle son, sen dúbida, ingredientes clave nos seus produtos, pero tamén o son a sustentabilidade e a innovación.
A calidade e un deseño atractivo son ingredientes base para un bo produto. Pero o mundo no que vivimos vai engadindo cousas a incorporar e unha delas é a sustentabilidade. A artesanía, polos seus procesos e técnicas, adoita ser moito máis sustentable que a produción industrial. A maiores, eu engado o uso de materiais naturais e, por suposto, unha sustentabilidade desde o punto de vista da calidade: un produto que dura máis ten menor impacto no medio ambiente. Por outro lado, a innovación é un motor no que hai que moverse constantemente: axuda a mellorar os produtos e a darlles unha vantaxe competitiva sobre outros.
Considera que a marca Artesanía de Galicia supón unha vantaxe competitiva á hora de darse a coñecer e poder vender os seus produtos a nivel nacional e internacional?
Artesanía de Galicia é a mellor proposta nacional como marca de soporte para os artesáns. No meu caso, grazas a estar dentro desta marca, puiden acudir a feiras e eventos nacionais de difusión e venda dos meus produtos que me axudaron a posicionarme. Tamén, grazas ás diferentes liñas de axudas que ofrece a Consellería de Industria en colaboración con Artesanía de Galicia, os artesáns galegos somos máis competitivos. É unha sorte contar co apoio que contamos nesta Comunidade. Tanto a nivel nacional como internacional, somos artesáns envexados.
Artesanía de Galicia vai máis alá de ser unha marca que nos apoia, tamén é un punto de unión entre artesáns e empresas. Están constantemente a buscar xeitos de colaborar entre artesáns e cociñeiros, entre artesáns e marcas de moda internacionais, etc.
Ten tenda en liña e perfís activos en redes sociais. Cre que inflúen no éxito da súa marca?
Son ferramentas precisas para os tempos actuais. Se non estás na rede, non existes. Non creo que sexa o factor número un de éxito no meu caso, pero son un soporte para a marca e permítenme obter algunhas vendas e visibilidade.
Está o futuro das marcas na modernización e a transformación dixital?
É preciso, aínda que non nos guste ou nos custe esa adaptación. O mundo dixital veu para quedar e temos que adaptarnos ás esixencias do mercado, que pasan por estar presentes no dixital.