Inicio
Actualidade

Ao día!

27/04/2023

Entrevista a Elena Pérez Canal, directora de marketing de Aceites Abril

Comparte este artigo

Nas empresas familiares hai unha estreita relación entre o lugar de orixe e a implicación coa comunidade”

Aceites Abril, con sede en San Cibrao das Viñas (Ourense), é unha empresa familiar que logrou consolidarse como un dos xigantes do sector aceiteiro español. Ás súas costas, seis décadas de traxectoria fieis aos seus tres piares fundamentais: calidade, tradición familiar e compromiso social.

Cal é a clave do éxito en Aceites Abril? Como se compite desde Galicia coas grandes marcas tradicionais do sur de España?

Traballo, esforzo e risco empresarial é o que caracteriza a Aceites Abril, que iniciaron os nosos pais nunha pequena fábrica do Barrio do Puente hai 60 anos. Parece moi inusual que unha empresa galega se adique á produción de aceite de oliva, pero ten a súa razón de ser. Se non se coñece a historia, chama a atención, pero o que parece unha debilidade convértese nunha fortaleza: estamos preto da costa, onde se atopan as principais conserveiras, e tamén preto de portos importantes que facilitan a exportación.

Das primeiras botellas de aceite de oliva na tendiña da rúa Mercado a vender o seu produto fóra de España hai un treito. Como se pasa dunha pequena empresa familiar a unha marca que se comercializa internacionalmente? Que lles leva a dar o salto?

Indo paso a paso, poñendo o foco na mellora continua en todas as fases da nosa cadea de valor. Esta aposta tradúcese na implementación dunha cultura de calidade esixente que alcanza os certificados e acreditacións internacionais máis esixentes. Así mesmo, é importante dispoñer de capacidade de adaptación e flexibilidade para atender as necesidades dos diferentes mercados e que estes che poidan percibir como un socio especialista fiable en aceites alimentarios. Non é tanto dar o paso, como o feito de que o aceite é un produto moi exportable, se me permites a expresión. A categoría de aceites e, concretamente o aceite de oliva, é o terceiro produto agroalimentario máis exportado por España, que á súa vez é líder en exportacións a nivel mundial. O proxecto ten unha clara vocación internacional: a nosa primeira exportación realizouse en 1992 con destino Suíza. Hoxe contamos cunha área de exportación formada por 9 persoas que se esforzan por facer chegar os nosos aceites ás mesas de máis de 60 mercados.

Neste camiño, cales foron os momentos máis difíciles e como os superaron?

Nun proxecto de máis de 60 anos sempre hai momentos mellores e momentos peores, pero o importante é aprender da experiencia e poñer o foco en como mellorar. Para unha empresa familiar o importante ante retos ou situacións difíciles é poñer a vista no longo prazo. Que as circunstancias non nos fagan desviarnos do destino final, podemos optar por un camiño ou outro, pero non debemos cambiar o destino. No noso caso: levar os mellores aceites á mesa dos consumidores.

Cales son os principais retos aos que se enfronta Aceites Abril na actualidade?

Ata o de agora o mercado do aceite de oliva era moi susceptible ao prezo. Nos momentos actuais temos que enfrontarnos a desafíos climáticos como a gran seca que arrasou a España este ano, a segunda peor do presente século e que fai que a produción se reduza e que os prezos aumenten, coa consecuente perda de vendas, sobre todo en mercados de exportación, na que compites contra outros países produtores do Mediterráneo. Isto sumado ao aumento dos custos enerxéticos fan que sexa difícil manterse nas vendas. Vimos de varios desafíos previos como a Guerra de Ucraína que aumentou o custo do xirasol un 200%.

A súa traxectoria foi recoñecida co Premio Familia Empresaria de Galicia. Que consello lle daría a unha empresa familiar que queira impulsar o seu negocio agora?

As empresas familiares transcenden no tempo porque teñen vocación de transmitir o legado á seguinte xeración e iso fai que as decisións sexan tomadas cunha visión máis a longo prazo. Tamén a vinculación coa contorna. Nas empresas familiares hai unha estreita relación entre o lugar de orixe e a implicación coa comunidade. Somos máis proclives a manter a sede social na nosa rexión de orixe, xerando emprego e riqueza e colaborando con actividades de responsabilidade social na nosa contorna.

Tamén pode interesarche