
Ao día!

Quobis Networks afiánzase no mercado latinoamericano co apoio de Galicia Avanza
Con 17 anos de traxectoria ás súas costas, a porriñesa Quobis é unha das empresas do sector TIC máis destacadas de Galicia, especializada en ofrecer servizos de integración, venda de solucións propias e soporte técnico de redes a operadores de telecomunicacións e grandes empresas. Comezaron a súa andaina en 2006 e nun contexto completamente diferente ao actual. As firmas contaban maioritariamente con centraliñas telefónicas convencionais e as operadoras empezaban a ofrecer solucións de voz IP. As ferramentas tipo cloud ou o teletraballo, que hoxe forman parte do día a día, eran aínda moi incipientes. En palabras de Iago Soto, socio fundador e director de márketing e vendas da compañía, “coincidiu que nese momento había unha xanela de oportunidade que nos permitía focalizarnos na área das comunicacións de voz e vídeo e apostamos por iso”.
E a aposta foi un éxito. Cun persoal de 45 profesionais, en 2022 facturaron 4,3 millóns de euros, o 70% no mercado nacional e o 30% restante no exterior. Ademais, son unha empresa tecnolóxica totalmente independente, na que o capital é 100% propio e todas as decisións dependen directamente da compañía.
Área de negocio e internacionalización
O 85% do mercado de Quobis compóñeno operadores de telecomunicacións (Vodafone, Telefónica, R, Euskaltel, etc.), ademais das grandes corporacións que suman o 15% restante. A consultora pon ao dispor dos seus clientes todo tipo de solucións de comunicación de voz e de vídeo, conseguindo que plataformas de fabricantes líderes poidan comunicarse unhas con outras e resolvendo problemas de interconexión entre ferramentas de uso xeneralizado, como Teams, Cisco, etc. con centrais específicas que forman parte de redes corporativas determinadas e facendo viable a conexión entre centrais de diferentes sedes, ademais de desenvolvementos a medida para ese tipo de clientes aos que as solucións estándar non lles serven. “Cisco ou Microsoft non van desenvolver unha funcionalidade para ti porque sexas grande, porque para eles non es tan importante e iso implica un oco no mercado para nós, que si podemos desenvolver este tipo de experiencias personalizadas”, explica Iago Soto.
Quobis Networks foi unha das empresas beneficiarias de Galicia Avanza, a aceleradora de internacionalización posta en marcha pola Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación, o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole). Durante o seu paso polo programa, recibiron asesoría e apoio para incrementar a presenza internacional da súa plataforma Quobis Communication Platform en países de Latinoamérica como México e Colombia. Trátase dunha plataforma baseada en tecnoloxía WebRTC que permite a operadoras e grandes empresas soportar multitude de casos personalizados, achegando capacidades multimedia de última xeración ás redes de voz existentes.
Ademais da parte formativa, a participación en Galicia Avanza comprendeu unha serie de accións orientadas a gañar presenza na rexión, que se materializou por unha banda na participación dun evento sectorial en Miami para a localización de partners e, por outro, na realización dun estudo de mercado para coñecer o grao de implantación das solucións tecnolóxicas no territorio.
Tendencias do sector
Actualmente, ademais de contar con sede en España e Miami, Quobis ten iniciativas en curso noutros países a través de plataformas tecnolóxicas europeas, en proxectos de innovación Horizonte Europa e tamén en programas nacionais de CDTI e Red.es, nos que exploran oportunidades relacionadas coa intelixencia artificial, a ciberseguridade e o 5G.
O sector das telecomunicacións transfórmase a toda velocidade e son conscientes da necesidade de estar en permanente evolución. “Non podemos perder de vista eses factores de tendencia xeracional que tanto inflúen na nosa forma de comunicarnos, como o feito de que a xente nova fala menos por teléfono, o que se traduce en oportunidades de utilizar outras canles nos que eles tamén poden estar, por exemplo o chat”, explica Soto.
Sobre a intelixencia artificial, esta vense aplicando desde hai tempo, para detectar patróns de comportamento anómalo no tráfico telefónico ou nos sistemas dabondo coñecidos por todos en chamadas telefónicas que consisten en dicir ou marcar un determinado número para seleccionar unha ou outra opción, un adestramento que se facía practicamente coas mesmas tecnoloxías que agora, pero con algoritmos menos eficientes e cun custo maior. En palabras do socio fundador de Quobis: “A intelixencia artificial permitiranos monitorizar e tomar decisións de maneira proactiva e todo este tipo de cousas aplicadas ao noso campo, de chamadas de voz, chamadas de vídeo, xerarannos oportunidades”.