Inicio
Actualidade

Ao día!

30/05/2023

Unha Galicia máis competitiva a través da I+D+i

Comparte este artigo

A Estratexia RIS3 Galicia para o período 2021-2027 suma tres novas prioridades: a sustentabilidade, a dixitalización e o enfoque cara ás necesidades das persoas

Os principais axentes do sistema galego de innovación déronse cita no acto de presentación do programa Galicia Feder 2021-2027 e a nova Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) Galicia para o mesmo período, celebrado o pasado 28 de marzo na Cidade da Cultura. Na RIS3, as persoas son as protagonistas. Na súa elaboración participaron máis de 800 representantes de 500 axentes diferentes, que incluíron empresas, centros de coñecemento e tecnolóxicos e administracións.

O período 2021-2027 suma tres novas prioridades aos grandes retos do anterior: a sustentabilidade, a dixitalización e o enfoque cara ás necesidades das persoas. Cabe destacar entre as novidades o establecemento de misións para apoiar entre 4 e 6 grandes proxectos transformadores, o desenvolvemento da Marca Galicia a nivel internacional en I+D+i e o fomento do liderado da muller na innovación.

Mentres que o investimento total dos Feder para o novo período ascende a 1.567 millóns de euros, a RIS3 suporá a posta en marcha dun esforzo sen precedentes en I+D+i que ten como meta mobilizar preto de 5.000 millóns de euros entre fondos públicos e privados. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, recalcou no evento que as prioridades do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) para o período 2021-2027 pasan por construír unha Galicia máis competitiva e intelixente, máis verde e máis conectada e social.

Que é a RIS3?

A RIS3 ou Estratexia de Especialización Intelixente é unha planificación global orientada a mellorar a competitividade, o crecemento económico e o emprego sostible e de calidade a través da innovación en Galicia.

A especialización intelixente consiste en descubrir as nosas fortalezas, capacidades e oportunidades e traballar con elas para atopar respostas aos grandes desafíos que temos por diante.  A RIS3 promove un modelo económico máis baseado na investigación e a innovación, mediante unha acción coordinada na que participan todos os departamentos da Xunta de Galicia, as empresas, os centros de coñecemento e a cidadanía.

Esta estratexia céntrase en tres retos prioritarios para os que Galicia pode desenvolver solucións a nivel global:

  • Reto 1. Aplicar a innovación para modernizar os sectores tradicionais galegos, favorecendo un uso óptimo dos nosos recursos naturais, culturais e turísticos máis singulares, a través de produtos e servizos novos.
  • Reto 2. Mellorar a competitividade das industrias con máis peso na economía galega, avanzando cara á fábrica intelixente e sostible e potenciando as nosas capacidades para impulsar novos sectores emerxentes.
  • Reto 3. Converter Galicia nun referente na aplicación da innovación ao envellecemento activo e á vida saudable, o que inclúe o deseño de novos alimentos funcionais e fármacos personalizados para mellorar a calidade de vida, ademais de solucións innovadoras para impulsar o envellecemento activo.

A RIS3 Galicia 2021-2027, ademais de ser un requisito para acceder aos fondos estruturais europeos, configúrase como a estratexia integral para articular todas as actuacións da I+D+i en Galicia. Tamén incorpora os grandes obxectivos 21-27 da Unión Europea: unha nova política industrial marcada pola sustentabilidade, polo Pacto Verde Europeo e pola transformación dixital.

 

Vídeos do evento de presentación

Consulta o folleto

Descarga a Estratexia de Especialización Intelixente Galicia RIS3 2021-2027

Tamén pode interesarche