
Ao día!

Texturizantes naturais que xeran valor en Galicia
Ceamsa foi fundada no ano 1966 por Ignacio Alzueta, un emprendedor ilusionado coa idea de como as algas podían proporcionar importantes beneficios a numerosas industrias. Tras anos de investigación decidiu instalar no Porriño o embrión do que hoxe constitúe unha compañía pioneira e de referencia mundial especializada na produción, elaboración e comercialización dunha ampla gama de texturizantes que se obteñen a partir de materias primas naturais, como son as algas mariñas, a casca de cítricos e a semente da árbore do algarrobo.
Os seus produtos utilízanse fundamentalmente na industria da alimentación, pero tamén na farmacéutica e na cosmética. “Desde as nosas instalacións no Porriño, achegamos textura galega por todo o mundo, combinando ciencia e natureza para ofrecer ao mercado soluciones innovadoras”, explícanos María Moral, márketing manager da compañía.
Ceamsa conta con dúas plantas de produción situadas en España e Filipinas, e unha rede de vendas e oficinas de representación con presenza nos cinco continentes, o que lles permite distribuír os seus produtos a máis de 600 clientes de 80 países diferentes. En 2022 alcanzaron unha facturación de 190 millóns de euros.
Aplicacións no mercado
Desde Ceamsa defínense como especialistas en dar a textura desexada ao produto final, ofrecendo solucións personalizadas ás necesidades específicas de cada un dos seus clientes. Por exemplo, a carraxenina proporciona viscosidade e textura ás sobremesas lácteas como os flans, ademais de estabilidade e suspensión ao cacao nos batidos de chocolate. A fibra achega cohesión nas hamburguesas, nuggets ou albóndegas. A pectina en lambetadas ofrece unha textura delicada mellorando a liberación de sabor e a estabilidade térmica.
Ademais, os produtos de Ceamsa poden ser utilizados nunha ampla gama de aplicacións farmacolóxicas e nutraceúticas, como é o caso de cápsulas, parches ostómicos, produtos para a disfaxia, xaropes medicinais...
Empresa innovadora
A aposta decidida pola innovación continua converteu a Ceamsa nun referente en I+D+i dentro do seu sector. De feito, a compañía resultou gañadora nos III Premios Galicia de Innovación e Deseño, convocados pola Xunta de Galicia, na categoría de grandes empresas innovadoras. “Este premio supón un recoñecemento ao esforzo diario dun gran equipo de investigación que comezou co seu fundador, e que hoxe, da man do seu fillo Iñigo Alzueta, continuamos coa mesma ilusión e dedicación”, explica María Moral.
Os seus retos de futuro pasan por seguir desenvolvendo produtos que cubran as novas necesidades dos consumidores e se adapten ás demandas do mercado, entre elas ofrecer solucións de textura en receitas veganas e tamén de etiquetaxe limpa (as chamadas receitas clean label), unha das últimas tendencias do sector.