
Ao día!

Dúas décadas de camisetas galegas cun toque de humor
A marca pontevedresa Rei Zentolo, cuxos deseños son hoxe en día recoñecibles en toda Galicia, ademais de contar con dúas tendas propias na Coruña e Santiago e 4 franquías en Vigo, Pontevedra e Allariz, está presente a través de establecementos multimarca en todo o territorio nacional
Cando empezaron hai xa dúas décadas, poucas empresas presumían de ser galegas ou de vender produto galego. De feito, cando Pablo Rodríguez, socio fundador e director creativo da empresa, e os seus dous compañeiros iniciaron a súa aventura empresarial de camisetas serigrafiadas con mensaxes en galego e deseños orixinais que plasmaban a cultura autóctona con ese peculiar toque de humor que lles caracteriza, rexeitáronos en 39 das 40 tendas nas que presentaron o seu proxecto.
A idea xorde no ano 2002, cando tres amigos licenciados en Belas Artes decidiron lanzarse a vender os seus deseños simplemente coa intención de financiar un espazo no que poder traballar, sen nin sequera ter unha marca. A súa filosofía: galeguidade, creatividade e universalidade. “Sempre tentamos ofrecer un amplo abano de posibilidades para todos os gustos: temos deseños máis artísticos, modelos máis gráficos, algúns con máis coña que outros, ou mesmo para minorías, pero os que teñen o toque de humor son os que mellor funcionan”, explica Rodríguez.
A primeira venda fixérona na praza de Praterías de Santiago de Compostela, a un estudante de Erasmus escocés que se interesou por un deses primeiros deseños, o dos pementos de Padrón, que lle fixo graza porque pensou que estaba mal escrito, aínda que en realidade era intencionado.
Desde entón choveu e, como todas as empresas, tiveron moitas alegrías, pero tamén momentos duros, tal e como comenta Pablo Rodríguez, o único dos socios fundadores que permanece na empresa: “20 anos dan para moito, para subir, baixar e reflexionar. Podes estar arriba ou abaixo, pero sempre estás en movemento”.
Eran novos e non tiñan experiencia laboral cando empezaron, pero si moita cabezonería. Pasaban os meses e as vendas non arrincaban, así que decidiron empezar a ir a festivais, algúns tan míticos como o de Ortigueira ou o de Pardiñas e outros emerxentes grazas a toda esta cultura que empezaba a gañar forza naquela época. Foi entón cando se atoparon co seu público e foi a xente a que comezou a querer as camisetas e preguntar por eles, nacendo a necesidade de crear unha marca que se fixo realidade en 2003 e que se materializou na inauguración da súa primeira tenda en Pontevedra.
Os primeiros anos foron de alegrías, de crecemento continuo grazas en parte a esa irrupción no mundo dos festivais. De feito, Rei Zentolo chegou a vender non só en todo o territorio nacional a través de tendas multimarca, senón tamén internacionalmente e contar con dúas marcas máis: a súa liña de camisetas alternativa Shirt Gigoló e Yobordo, unha firma de moda feminina de confección 100% galega e deseños rompedores para o momento, que chegaron a exhibir na Pasarela Cibeles e en feiras de moda de prestixio a nivel europeo, como Bread & Butter ou Prêt-à-Porter en París.
Ao longo destes anos, Rei Zentolo atravesou varias crises, tendo que reinventarse constantemente para poder sobrevivir e aproveitar as aprendizaxes de cada etapa, pasando de ter presenza nos festivais máis potentes de Galicia a través da venda dos seus propios produtos a facelo deseñando materiais para eles e outras marcas.
“Calidade, bo facer, moito esforzo e algo de azar” son algunhas das chaves do éxito da marca pontevedresa, que conta na actualidade con máis de 20 persoas en persoal, entre administración, deseño, loxística e as súas dúas tendas propias. Segundo explica Rodríguez, atópanse nunha fase na que a prioridade é “racionalizar o traballo e o esforzo, seleccionar encargos e clientes para poder chegar a todo”.
“Hoxe as grandes empresas presumen de ser galegas, de que fan produto en Galicia ou de que comunican en galego e iso hai 20 anos non existía”
Rei Zentolo foi pioneira non só polo uso do galego nas súas camisetas, tamén foron dos primeiros en lanzar unha web con tenda en liña no ano 2005, figurando na primeira remesa de páxinas con dominio punto.gal.
Pablo Rodríguez lembra que cando empezaron “pensábase que as camisetas en galego eran cousa de rapaces reivindicativos e non tiñan saída e non o fixemos por reivindicar nada, senón porque estabamos convencidos de que funcionaría, ademais de que non había ninguén que o estivese facendo. En Galicia temos cousas incribles”.
Un aniversario ao grande
Para celebrar estes 20 anos, Rei Zentolo ten preparadas moitas sorpresas, algunhas delas xa desveladas como o campionato mundial de deseños que puxeron en marcha nas súas redes sociais, a reedición dos seus catro primeiros deseños ou o próximo lanzamento dun título conmemorativo coa editorial Galaxia, que presentarán por toda Galicia.
Un libro moi especial que incluirá 20 deseños comentados por 20 referentes culturais galegos cos que tiveron relación nalgún momento: escritores, actores, músicos, artistas... “É unha honra que a Galaxia lle interese o proxecto e recibise tan ben a proposta”, destaca Pablo Rodríguez.