
Ao día!

Entrevista a Dora Casal, directora executiva de Roberto Verino
A directora executiva da firma, que cumpre catro décadas de traxectoria como referente da moda galega, foi incluída no 'Top 100 Mulleres Líderes en España' na categoría de Alta Dirección.
Con 40 anos de traxectoria, Roberto Verino é unha das marcas referentes da moda española. A que retos se enfronta como CEO da compañía?
Como en calquera empresa, cada día é un reto para o noso equipo e para min mesma, aínda que Roberto Verino é unha empresa moi sólida, contrastada nos seus 40 anos de traxectoria que leva no mercado, que soubo adaptarse a cada momento vivido e saír fortalecida.
Neste momento estamos centrados en despregar nas distintas áreas da compañía os procesos de innovación que imos deseñando, para mellorar o soporte de información aos nosos equipos e a atención personalizada aos nosos clientes.
Ao longo destes anos, o sector da moda cambiou notablemente. Como evolucionou a proposta de Roberto Verino no mercado e cales son os valores que permanecen intactos?
Os valores de marca están presentes en cada peza desde os máis de 40 anos que ten a compañía. En Roberto Verino, a calidade, o deseño funcional, a produción en proximidade e a innovación constante son os nosos catro piares. No noso caso, é algo que o noso fundador sempre mantivo moi baixo control e todo o equipo ten presente no seu día a día, para integralo na cadea de valor do noso produto e a relación coa nosa contorna.
Fronte ao fast fashion, cada vez hai máis voces falando da importancia do consumo responsable, da importancia da calidade e durabilidade das pezas… Sustentabilidade e moda poden ir da man?
No noso caso, sempre foron da man. As nosas pezas avalan os valores de marca que defendemos desde o nacemento da compañía e que hoxe están tan presentes, como a durabilidade das pezas, o consumo responsable e o concepto de investir en pezas no canto de gastar. Construír o noso “armario emocional”, aquel que está composto por pezas de calidade que pasan moitos momentos contigo. Aquelas pezas coas que teñas vivencias, que te fagan feliz e, sobre todo, que sexas consciente de que estás a comprar pezas para durar, para estar ao teu lado en momentos importantes.
É vostede una das Top 100 Mulleres Líderes en España, na categoría de Alta Dirección. Imos no camiño correcto?
A folla de roteiro de cada empresa é algo vivo, porque ao final as empresas están compostas do que realmente as fai únicas: as persoas. Creo que ser recoñecida como Top 100 Mulleres Líderes de España é unha honra para min, porque formo parte dun grupo moi importante de persoas, moitas delas mulleres que traballan día a día por facer mellores as súas empresas. A visibilidade das Top 100 axuda a poñer foco na presenza feminina nesta área.