Inicio
Actualidade

Ao día!

12/06/2023

Cara á transformación dixital e sustentable do comercio de proximidade galego

Comparte este artigo

A Xunta de Galicia lanza un novo programa de modernización do comercio para impulsar proxectos de contido tecnolóxico, innovador e sustentable

A Xunta de Galicia vén de poñer en marcha o programa de modernización do comercio denominado Fondo Tecnolóxico. Dotadas con 3,8 millóns de euros (no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-Next GenerationEU), estas axudas están dirixidas a facilitar a dixitalización dos autónomos, pequenas e medianas empresas comerciais e asociacións de comerciantes, así como a súa eficiencia enerxética, contribuíndo, desta maneira, a que aumenten o seu nivel de competitividade no marco da economía dixital.

Liñas de apoio

A convocatoria contempla dúas liñas de axudas: unha dirixida a persoas autónomas e pequenas e medianas empresas comerciais; e a outra destinada a asociacións de comerciantes.

Financiaranse, entre outras, aplicacións de big data que son imprescindibles para facer estudos de mercado e coñecer os intereses da clientela; instalación de probadores interactivos; asistentes virtuais (chatbots); ou aplicacións de realidade virtual e aumentada.

Tamén se apoiarán actuacións para a instalación de sistemas de climatización enerxeticamente eficientes e sensores de presenza para a regulación automática de luces.

No que respecta ás asociacións de comerciantes, poderán destinar as axudas á instalación de mupis dixitais, redes wifi nas áreas comerciais, procesos ecoeficientes para a correcta separación de residuos ou proxectos para mellorar a eficiencia enerxética, entre outros.

As axudas alcanzan o 90% do investimento subvencionable. Concederanse por orde de solicitude e abranguerán actuacións realizadas desde o 1 de xaneiro ata o 29 de setembro. O prazo de solicitude de axudas está aberto ata o próximo 30 de xuño.

Tamén pode interesarche