
Ao día!

A planta de biorresiduos de Vilanova de Arousa, estratéxica para Galicia
A planta de biorresiduos de Vilanova de Arousa constitúe unha das 17 instalacións que conformarán a rede de infraestruturas deseñada pola Xunta de Galicia, e executada por Sogama, para a valorización da materia orgánica mediante a súa transformación en compost.
Adscrita á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Sogama é unha empresa pública encargada de xestionar os residuos municipais xerados na maior parte do territorio galego (295 concellos en total, cunha poboación incorporada superior aos 2,2 millóns de habitantes).
A previsión é que as obras desta planta, que se levanta no polígono industrial de Baión, culminen no último trimestre de 2023, momento no que comezará a dar servizo aos 26 municipios da súa área de influencia (326.846 cidadáns).
Cun investimento de 15,1 millóns de euros, a instalación, que ocupa unha superficie de 20.000 m2, terá capacidade para xestionar 15.000 toneladas anuais de materia orgánica contida nos residuos municipais (FORSU) e outras 7.000 toneladas de material estruturante (podas e restos de madeira), prevendo unha produción de ao redor de 6.000 toneladas/ano de compost de alta calidade, cuxo destino será o sector da agricultura e a xardinería, substituíndo aos fertilizantes artificiais.
A planta vilanovesa integrará as distintas fases do proceso de compostaxe dos residuos orgánicos: desde o pretratamento e a fermentación, ata a maduración e o almacenamento, así como os correspondentes tratamentos de aire e de augas, facendo uso en todo momento das últimas tecnoloxías dispoñibles, tanto de procesado como de control de cheiros e ruído. Así mesmo, será autosuficiente desde o punto de vista enerxético, xa que a enerxía necesaria para a operativa industrial procederá de fontes renovables, fundamentalmente de paneis solares, contribuíndo desta forma á loita contra o cambio climático.
Rede de infraestruturas para a valorización da materia orgánica
A normativa europea obriga aos concellos, que son os que teñen as competencias en materia de residuos, a implantar a recollida diferenciada da materia orgánica antes do 31 de decembro de 2023. É por iso que a Xunta decidiu axudarlles poñendo á súa disposición a infraestrutura necesaria, que estará conformada por catro plantas de biorresiduos (unha por provincia): Cerceda, na Coruña; Cervo, en Lugo; Verín, en Ourense; e Vilanova de Arousa, en Pontevedra, así como trece plantas de transferencia de apoio (seis de nova construción e sete sometidas a adaptación) ás que se dotará dunha tolva específica para o transvasamento da materia orgánica, que será trasladada á planta de biorresiduos máis próxima.
O obxectivo último deste despregamento de medios é que a práctica totalidade dos concellos adheridos ao sistema Sogama dispoñan dunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 quilómetros de distancia. Esta rede de infraestruturas, que estará plenamente operativa antes de que conclúa o ano, conta cun investimento de 40 millóns de euros, dos cales 30 proceden dos fondos FEDER REACT EU como resposta da Unión Europea á crise da covid-19.
O presidente executivo de Sogama, Javier Domínguez Lino, mostrou a súa satisfacción polo cumprimento de prazos, xa que “para unha compañía pública, poñer en marcha 17 instalacións nun curto período de tempo non resulta tarefa fácil”, coa particularidade de que a grave crise enerxética e de materiais derivada da guerra de Ucraína, así como a alta inflación e o prezo das subministracións e servizos, foron, a xuízo do máximo responsable desta compañía, “auténticas pedras no camiño que, afortunadamente, conseguimos superar con grandes doses de esforzo, dedicación e perseveranza”. Domínguez considera que a planta de biorresiduos de Vilanova de Arousa, do mesmo xeito que as restantes, suporá un paso adiante na correcta xestión dos residuos en Galicia, facéndoa máis sostible, e constituirá un ingrediente de peso na transición da nosa comunidade cara á economía circular, ao converter os residuos en recursos de alto valor.