Inicio
Actualidade

Ao día!

15/06/2023

Entrevista a David Barro, director da Fundación Didac e asesor do Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 - Diferenza da Axencia Galega de Innovación

Comparte este artigo

“A Porto Design Biennale é unha oportunidade histórica para Galicia”

Collendo o relevo de Italia e Francia, Galicia será a protagonista da edición 2023 da Porto Design Biennale, o maior evento bienal de deseño da Península Ibérica, que terá lugar en Portugal entre outubro e decembro de 2023, en recoñecemento ao labor de impulso ao deseño que está realizando a Xunta de Galicia a través de iniciativas como o Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 - Diferenza e ao labor da Fundación Artesanía de Galicia. A participación será coordinada por David Barro, asesor do programa Diferenza e director da Fundación Didac, en calidade de comisario do país convidado.

Que oportunidades implica para a nosa Comunidade ter sido escollida como convidada?

Cando me pediron ser o comisario do país convidado da terceira edición da Porto Design Biennale, a organización e eu propuxemos que esta representación se centrase en Galicia porque é de vital importancia que Galicia e o norte de Portugal miren unha para a outra como xa fixeron no pasado, compartindo actos comúns e aproveitando a excelencia da Porto Design Biennale e o bo momento que está a gozar o deseño galego, con profesionais de recoñecido prestixio fóra e dentro das súas fronteiras. O feito de que Galicia destaque nun evento internacional destas características, cun recoñecemento externo que adoita recaer en rexións como Cataluña, Euskadi ou Valencia, fai desta unha oportunidade histórica desde o punto de vista estratéxico e pode ser un importante punto de inflexión.

Con que fortalezas conta Galicia que confluíron nesta invitación?

En primeiro lugar, o talento dos nosos deseñadores e deseñadoras, que nos últimos anos gozaron dunha visibilidade que agora está a dar os seus froitos. Pero isto non sería posible sen a complicidade e o esforzo da Administración galega con iniciativas de deseño como o Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade – Diferenza, que tiven a oportunidade de acompañar activamente; a promoción da artesanía galega que se levou a cabo nos últimos anos; ou o traballo desenvolvido pola Asociación Galega de Deseño (DAG) e institucións como a Fundación Didac. Tamén é importante o traballo das escolas de deseño, que forman e comunican. Por iso é unha oportunidade e un fito para consolidar a alianza entre Galicia e o norte de Portugal desde o punto de vista estratéxico e creativo e, de seguro, será un primeiro paso para a posta en marcha de moitas máis iniciativas comúns nas que estamos traballando.

"Galicia. Procesos e formas" é o nome do proxecto que se promoverá na bienal. Como comisario do mesmo, pódenos adiantar en que vai consistir?

É un proxecto que lle toma o pulso ao deseño presente en Galicia pero que tamén ten vocación retrospectiva e prospectiva, reflectindo a través de exposicións, obradoiros, charlas e unha publicación que será coeditada pola Porto Design Biennale e a editorial Experimenta, sobre os logros innovadores do deseño en Galicia no pasado e os procesos de deseño que axudan a construír o futuro.

Galicia. Procesos e formas traza un percorrido polo pasado, presente e futuro do deseño desde a perspectiva de Galicia, analizando, no primeiro caso, os precedentes dunha serie de empresas paradigmáticas na súa aposta polo deseño, mostrando exemplos pioneiros no sector pesqueiro, no turismo termal e na comercialización da auga, na industria farmacéutica, na automoción, na industria téxtil ou nas telecomunicacións, para deterse nas iniciativas de Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo coa creación do Laboratorio de Formas e a recuperación de Sargadelos como principal paradigma do deseño como motor da innovación en Galicia. O relato continúa con algúns dos fitos do deseño na apertura democrática, para centrarse nas dúas últimas décadas, cando a artesanía, o deseño e a innovación xeran interesantes interseccións que permiten valorar o traballo manual desde unha perspectiva actualizada, respectando e reinterpretando a tradición e abordando cuestións ecolóxicas e outros problemas colectivos.

O tema escollido para esta edición foi a auga, moi ligada tamén á nosa Comunidade no deseño e na industria. Será protagonista tamén do proxecto?

En certo modo poderiamos dicir que si. En Galicia, a industria e o deseño chegaron do mar, e o futuro hai que pensalo en relación á auga e ao mar, xa que os océanos son o espello do que acontece no mundo e máis aínda se pensamos na condición atlántica de Galicia e Portugal; de aí que a relación coa auga e o mar sexan o punto de partida e o punto final da historia que queremos contar, así como doutros proxectos paralelos que estamos a organizar.

 

Tamén pode interesarche