
Ao día!

Avanzando cara ao estaleiro do futuro
O novo Centro de Investigación Empresarial da Universidade da Coruña e Navantia Ferrol, apoiado pola Xunta de Galicia, céntrase no desenvolvemento de novas técnicas e tecnoloxías que permitan incrementar a competitividade do estaleiro para a xeración das fragatas F-110 e a nova fábrica de bloques
O Centro de Investigación Empresarial UDC - Navantia "O estaleiro do futuro", iniciado en 2022 co apoio da Xunta de Galicia, supón a continuación ao traballo desenvolvido entre a Universidade da Coruña e Navantia en dúas etapas anteriores: a primeira vinculada á creación da Unidade Mixta de Investigación (2015-2018) e a segunda orientada á súa consolidación (2018-2021).
As actuacións desenvolvidas ao amparo destas dúas etapas permitiron a Navantia iniciar un profundo proceso de transformación e dixitalización orientado á sustentabilidade e competitividade da empresa ante os retos do século XXI. Desde entón, máis de 100 persoas traballan de forma colaborativa entre a universidade e o estaleiro. Entre os logros obtidos froito de 6 anos de traballo e 16 liñas de investigación abertas, atópanse dúas patentes e rexistros de software, un premio de transferencia de tecnoloxía, cinco procedementos industriais, tres algoritmos e dez modelos piloto.
Obxectivos e liñas de actuación
A experiencia acumulada desde 2015 facilitou identificar novas necesidades de desenvolvementos tecnolóxicos e intensificar a colaboración entre Navantia e a Universidade da Coruña, que se materializan nos obxectivos do actual Centro de Investigación Empresarial, que conta cun financiamento de 3,75 millóns de euros: traballar en novas técnicas e tecnoloxías que permitan incrementar a competitividade do estaleiro para o desenvolvemento do programa de fragatas F-110 e a nova fábrica de bloques.
Contémplase abordar tres grandes liñas de actuación: a dixitalización; a mellora dos procesos produtivos existentes e implementación doutros novos; e o desenvolvemento de xemelgos dixitais, para mellorar a produtividade e reducir tempos e custos ao longo da cadea de valor.
O obxectivo final é a transformación do estaleiro de Navantia-Ferrol nun Estaleiro 5.0. Ao mesmo tempo, as actuacións expostas permitirán a Navantia optimizar os recursos públicos investidos no programa de fragatas F-110 e competir cos estaleiros máis avanzados do mundo na construción de buques de superficie militares e outro tipo de plataformas, incrementando o seu valor engadido e diferenciándose dos seus competidores globais.
O Centro de Investigación Empresarial enfocarase en aspectos de I+D+i concretos relacionados co proceso produtivo, entre eles:
- Definir o estaleiro como un sistema ciber-físico, no que todo o que o crea presenta dous compoñentes: o físico ou material e o cibernético ou virtual, levando ao nacemento e á implantación do concepto de xemelgo dixital, que se aplica ao produto, á planta, aos procesos e ás persoas.
- Aplicar as novas tecnoloxías dixitais. Seguiranse impulsando tecnoloxías crave identificadas, como realidade virtual, internet das cousas, modelado e simulación de procesos discretos…
- Desenvolver produtos intelixentes e chegar tamén ao campo dos servizos, creando o sostemento intelixente.