
Ao día!

Contedores metálicos con selo galego para a industria do automóbil
Errecé Láser (Santiago de Compostela) é unha empresa familiar de terceira xeración cunha historia industrial de máis de 80 anos. Nesta traxectoria teñen traballado en diversos sectores, como son o de fabricación de maquinaria agrícola, produción de compoñentes metálicos e, máis recentemente, o maior impulso que están realizando é cara á oferta de solucións de embalaxe metálica para a industria automotriz.
“Desde hai máis de 20 anos fornecemos de pezas seriadas ao sector do automóbil. Foron estes clientes, multinacionais de primeiro nivel que coñecen as nosas capacidades desde hai tempo, as que nos invitaron a enviarlles, ademais das pezas, os contedores onde lles chegaban as mesmas. Así empezamos a desenvolver esta nova familia de produtos, que nos últimos anos está acadando cada vez máis presenza na nosa facturación”, explica Xan Rey, responsable de proxecto da empresa.
No último ano, a Errecé ten feito un gran esforzo por adaptarse ao incremento da demanda do sector, tanto presente como futura. Levaron a cabo importantes investimentos en maquinaria para renovar a existente ou para dotar de maior capacidade á compañía, como a adquisición de novos medios para o corte por láser de tubo ou a robotización de operacións de soldadura. Estas incorporacións fixeron que a empresa pasara dunha capacidade aproximada de fabricación de 300 contedores mensuais a 1.500.
“Estamos promovendo o crecemento na produción de contedores tanto estándar coma específicos e para iso levamos tempo promocionando a nosa presenza en mercados exteriores. Participamos como expositores en numerosas feiras internacionais, sobre todo en Alemaña, que é o noso mercado obxectivo”, explica Rey.
A este esforzo, súmase a recente apertura dunha oficina comercial en Colonia (Alemaña) para poder estar máis preto dos centros de decisión dos seus clientes, denominados no sector como Tier1, e que son os subministradores das grandes plantas de ensamblaxe como Stellantis ou Volkswagen.
Errecé Láser foi unha das empresas beneficiarias do programa Galicia Avanza, a aceleradora promovida pola Xunta de Galicia desde Tecnópole (San Cibrao das Viñas, Ourense), precisamente movidos polo interese de posicionar esta nova liña de produtos noutros países e acelerar a transición para que, tanto os actuais coma os potenciais clientes, os coñeceran como subministradores de embalaxes. “Coa axuda e asesoramento do programa, adaptamos a nosa imaxe corporativa aos mercados internacionais, incorporamos persoal específico centrado en traballos de exportación, renovamos a páxina web, iniciamos campañas de promoción nas redes e incorporamos tecnoloxías de seguimento nos contedores”, enumera.
A innovación ten un papel fundamental en Errecé Láser, que tamén aplican a esta nova liña de produtos. “Para ofrecer solucións de embalaxe a problemas concretos debemos ofrecer alternativas de localización xeográfica de contedores, a identificación electrónica da súa carga ou mesmo o uso de materiais máis resistentes e lixeiros. A innovación constante é a que nos permite continuar nesta liña”, conclúe Xan Rey.