Inicio
Actualidade

Ao día!

07/07/2023

Recoñecendo a excelencia da artesanía galega

Comparte este artigo

En Galicia veñen de convocarse os Premios Artesanía 2023. Con esta iniciativa recoñécese o labor dos profesionais do sector artesanal galego e foméntase o seu desenvolvemento económico e a súa visibilización

A Fundación Pública Artesanía de Galicia organiza os Premios Artesanía de Galicia desde 2014 co obxectivo de estimular a creación artesanal galega e poñer en valor o sector como motor económico e cultural de Galicia. Ademais, a través do certame búscase divulgar o traballo dos profesionais, promover a captación e formación de novos talentos impulsando o relevo xeracional e fomentar a introdución da innovación e do deseño nos procesos de produción.

Ano tras ano, son un excelente escaparate da calidade e a creatividade dos oficios artesanais galegos. En 2022, o Premio Artesanía de Galicia recaeu na proposta “O mundo do revés. Coctelería peliqueira”, da ceramista Laura Delgado (Cambre, A Coruña), unha colección de vasos de coctelería en porcelana, que imitan o concepto dos vasos tiki e que se inspiran no carnaval tradicional da provincia de Ourense. A presidenta da Asociación Amigos do Liño, Carmen Riveiro (Zas, A Coruña), recibiu o galardón en recoñecemento á súa traxectoria profesional como tecedora e ao seu labor na recuperación e promoción do liño. Finalmente, a Bolsa Eloy Gesto foi para a sombreireira Julia Vilariño (Pontedeume, A Coruña).

Ao longo da historia do certame, outras figuras como José Luis Latas Vilanova, Rodrigo Riveiro, Idoia Cuesta, Frank Buschmann ou Witchneeds tamén foron recoñecidos nos galardóns.

Categorías e premios 2023

Como en edicións anteriores, plantéxanse tres categorías: Premio Artesanía de Galicia, Premio Traxectoria e Premio Bolsa Eloy Gesto.

O Premio Artesanía de Galicia 2023 diríxese a obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. Conta cunha dotación de 9.000 euros para recoñecer a obra que represente as liñas dunha artesanía competitiva no mercado actual, como son o deseño, a adaptación ou a conservación das técnicas e valores tradicionais máis característicos da artesanía galega.

O Premio Traxectoria 2023 é de carácter honorífico e outórgase a proposta do propio sector artesanal (obradoiros rexistrados, asociacións profesionais de artesáns...). O obxectivo é recoñecer a traxectoria profesional consolidada dun profesional da artesanía galega, en activo ou retirado, que estea ou estivera inscrito no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e cunha actividade mínima e demostrable no sector de 20 anos.

Finalmente, o Premio Bolsa Eloy Gesto, dotado de 4.000 euros, está dirixido a artesáns e artesás cunha idade máxima de 40 anos en 2022. Prémiase unha proposta de formación nun centro ou obradoiro artesanal de referencia.

O prazo de presentación de candidaturas estará aberto entre os días 18 e 29 de setembro de 2023. No caso da modalidade Premio Artesanía de Galicia, a solicitude deberase presentar presencialmente na sede da Fundación Artesanía de Galicia, en Santiago de Compostela, mentres que para as outras dúas categorías as solicitudes realizaranse obrigatoriamente a través de medios electrónicos.

Tamén pode interesarche