Inicio
Actualidade

Ao día!

12/07/2023

Un impulso á loxística avanzada e sustentable en Galicia

Comparte este artigo

A Xunta vén de resolver a primeira convocatoria do programa de loxística avanzada, unha liña pioneira a través da que se mobilizarán 1,5 millóns en 21 proxectos de pemes e autónomos que permitirán a mellora da competitividade territorial e empresarial galega

O sector loxístico é clave para a apertura comercial, a mellora da competitividade e o crecemento económico do tecido industrial de Galicia. Co obxectivo de impulsalo e contribuír á súa modernización, a Xunta, a través do Instituto Galego de Promoción Económica, puxo en marcha un programa de apoios pioneiro destinado especificamente a proxectos de loxística avanzada e sustentable.

Trátase dunha iniciativa pioneira que facilita a pemes e autónomos implantar solucións para o almacenamento e transporte de materias primas, compoñentes, semielaborados e produtos finais, reducindo custos e prazos de entrega, así como o impacto ambiental.

Nesta primeira convocatoria, recentemente resolta, apoiaranse un total de 21 proxectos e mobilizaranse 1,5 millóns de euros.

O novo programa facilitará, entre outras actuacións, a posta en marcha de iniciativas centradas na dixitalización e automatización, permitindo a robotización de procesos loxísticos, a aplicación de vehículos autónomos, a utilización de medios alternativos para aprovisionamento e distribución en centros históricos ou lugares de difícil acceso, ou xeolocalización e sensorización para control de localizacións de cargas, contedores e medios de transporte.

Tamén se apoian propostas vinculadas a procesos e aplicacións, como a implantación de procesos de loxística inversa e/ou recuperación ou reciclaxe de materiais de envasado; e proxectos vencellados á analítica de datos que permiten a aplicación de realidade virtual e aumentada nos procesos loxísticos ou a monitorización e propostas de redución de pegada de carbono no transporte e distribución de mercadorías.

Os apoios, en réxime de concorrencia competitiva, cobren ata o 35% dos investimentos para as pequenas empresas e o 25% para as medianas, ademais do 50% dos custos das colaboracións externas, cun límite máximo de subvención de 100.000 euros en iniciativas individuais, e de 100.000 euros multiplicados polo número de empresas nos proxectos colectivos.

Coa posibilidade de solicitar anticipos de ata o 50%, os gastos abarcan colaboracións de carácter tecnolóxico ou organizativo -asistencia técnica, adaptación e parametrización de solucións, consultaría e servizos directamente relacionados coa execución do proxecto-; adquisición de software estándar ou licenzas de uso de propiedade industrial; investimentos materiais ou inmateriais novos adquiridos en propiedade; e gastos de coordinación do proxecto.

Tamén pode interesarche