
Ao día!

Un impulso ao comercio de proximidade
A terceira edición do programa Bono Activa Comercio, unha iniciativa da Xunta de Galicia en colaboración da Federación Galega de Comercio, vén de pecharse cunha excelente acollida de participación, tanto no número de comercios adheridos —o maior desde a súa posta en marcha— como de persoas beneficiarias, demostrando así a súa capacidade para dinamizar e incentivar as compras no comercio local de vilas e cidades.
Como principal novidade desta edición e co obxectivo de optimizar o seu funcionamento ao máximo, non se limitou o número de usuarios que podían descargar os bonos —un por persoa—, senón que se priorizaron os canxeos ata que o importe total dos descontos realizados alcanzou o crédito previsto de 2,5 millóns de euros.
Deste xeito, preto de 134.000 clientes se beneficiaron de descontos nas súas compras, o que permitiu mobilizar vendas por valor de 12,5 millóns de euros en tempo récord, esgotando o crédito da convocatoria en apenas tres semanas.
Impacto no comercio local
A consolidación do programa reflíctese no número de comercios que se adheriron á iniciativa, que chegou nesta ocasión aos 7.058, a cifra máis alta das tres edicións celebradas ata o momento. Os sectores máis beneficiados foron en primeiro lugar o téxtil, cun 38,7 % das vendas mobilizadas; seguido do calzado, cun 14,5 %; dos xoguetes, cun 10,2 %; as ópticas, cun 7 %; e as perruquerías, cun 6,24 %.
Por provincias, o maior impacto económico rexistrouse en Pontevedra e A Coruña, cun 38% e un 34% das vendas mobilizadas respectivamente. Así, en Pontevedra o importe total das vendas con desconto foi de preto de 4,7 millóns de euros, e na Coruña de máis de 4,2 millóns de euros. Na provincia de Ourense o programa contribuíu a mobilizar máis de 2 millóns de euros, e en Lugo preto de 1,5 millóns.
As persoas consumidoras podían descargar na web www.bonosactivacomercio.gal un bono desconto de 30 euros para canxear nos comercios adheridos, que podían consultarse na devandita páxina filtrando por concello. O importe dos bonos íase reducindo en función do valor da compra: entre 20 e 30 euros aplicábase un desconto de 5; a rebaixa era de 10 euros para as compras de entre 30 e 50 euros; e a partir desta cantidade, o desconto acadaba os 15 euros.
Con esta medida, a Xunta contribúe a dinamizar o sector e implicar á cidadanía no impulso e apoio aos negocios das súas vilas e cidades, claves na economía local e na fixación de poboación ao rural.