Inicio
Actualidade

Ao día!

19/07/2023

Entrevista a Inmaculada Rodríguez, directora xeral de Unirisco

Comparte este artigo

“Apoiar e animar a que as universidades creen empresas de alta tecnoloxía é fundamental”

Vicepresidenta do Parlamento Galego entre 2001 e 2005, Inmaculada Rodríguez posúe unha dilatada experiencia en liderado e estratexia de negocio no sector industrial, farmacéutico, financeiro, servizos, tecnolóxico e público. Desde finais de 2020 é a directora xeral de Unirisco, unha sociedade de capital risco privada, impulsada polas universidades e principais empresas de Galicia, co propósito de acelerar a transferencia de coñecemento a través do apoio á creación de spin-offs de base científica e tecnolóxica.

Cal é a misión de Unirisco?

A nosa misión é transformar o coñecemento xerado nas universidades en proxectos empresariais exitosos a través de financiamento e acompañamento estratéxico. Nós denominámolo “empresarizar”. Hai moitas materias empresariais nas que brindar ese apoio. Logramos que a ciencia e tecnoloxía se convertan nunha fonte de vantaxe competitiva para as empresas que vaian ser os seus clientes, incorporando estas solucións ao seu negocio. Estamos seguros de que a creación de empresas tecnolóxicas e científicas é a maneira de xerar un gran impacto na sociedade, na creación de emprego tecnolóxico e en novas solucións. Levamos 22 anos realizando este apoio aos investigadores e somos un caso único en España, xa que, a parte do noso labor, os nosos socios son as tres universidades galegas, Abanca, Hijos de Rivera, Inditex, Construtora San José, Santander, Gadisa, Pescamar, Consorcio Zona Franca de Vigo e R Cable. Un caso realmente excepcional de colaboración.

Na transferencia de coñecemento da investigación ao mercado, cal é o principal reto?

Que o coñecemento xerado sexa o necesario para satisfacer os desafíos das empresas, que finalmente serán os clientes que “consuman” esa tecnoloxía. Ese aliñamento é imprescindible. Nós, pola nosa banda, identificamos retos tecnolóxicos das nosas empresas socias e compartímolos coas universidades para tratar de facilitar ese maior coñecemento.

Como valora o ecosistema emprendedor galego e o papel das universidades no fomento e apoio á creación de novas empresas?

En Galicia contamos cun ecosistema emprendedor moi activo e o papel das universidades é fundamental. Non esquezamos que a mellor ciencia e tecnoloxía provén da investigación e esa é a principal materia prima dun proxecto novo e escalable. É imposible que as empresas teñan o coñecemento e os recursos para a investigación, xa que cada día os temas son máis complexos e especializados. A ciencia é a que dá resposta á innovación necesaria para aumentar a competitividade empresarial. Contar con solucións novas é o que xera hoxe emprego. Detrás de cada tecnoloxía de uso diario, hai un desenvolvemento de I+D+i moi esixente e creo que non nos damos conta. Por iso, apoiar e animar a que as universidades creen empresas de alta tecnoloxía é fundamental.

A Xunta de Galicia conta coa Axenda Financeira. Como valora estas medidas para facilitar o financiamento do tecido empresarial galego e innovador?

Contar con 400 M € para reactivar e mellorar a competitividade empresarial é unha moi boa medida, xa que incorporar as novas tecnoloxías leva tempo e recursos económicos. Innovar non é accesible a todas as empresas, xa que primeiro deben garantir a súa operativa diaria, o seu pago de nóminas, impostos… E claro, innovar é algo máis a medio prazo. Esta iniciativa brinda un colchón para poder coller ese impulso que transforme o tecido adaptándoo aos novos tempos e requisitos dos mercados globais.

Que ofrece a universidade ao mundo empresarial e viceversa?

As empresas ofrecen retos concretos que necesitan de solucións e, á vez, serán os clientes destes “descubrimentos” que se desenvolven na universidade. As universidades ofrecen un talento enorme, equipos dedicados ao desenvolvemento do coñecemento, en conexión con centros excelentes a nivel mundial, integrados en redes e que coñecen o último do último en cada área da ciencia e a tecnoloxía. En Galicia deberiamos estar moi orgullosos porque contamos con científicos excelentes e ese é o primeiro chanzo para desenvolver unha ciencia e tecnoloxía realmente disruptiva.

Cantos proxectos impulsaron desde a creación de Unirisco?

Desde a nosa creación, 36 proxectos, dos cales só 6 caeron polo camiño. Algúns son casos de éxito moi coñecidos, como Quescrem, Galchimia, Hifas da Terra, AMS Lab, Health in Code… Acumulamos máis de 150 patentes impulsadas e a creación de máis de 450 postos de traballo de alta cualificación.

Cara a onde debe evolucionar a relación entre a universidade e a empresa?

A universidade debe ter máis ganas de crear empresas para poder desenvolver ao máximo as posibilidades de transferir o seu coñecemento, non quedar como un caso único e excepcional. Debe impulsarse que os investigadores sexan empresarios, que vexan atractivo emprender, que conten con recoñecemento académico e social, que o económico virá seguro e non é malo. Emprender non é “perverter a ciencia”, senón cumprir coa obrigación de transmitir coñecemento á sociedade.

A universidade debe coñecer mellor os retos das empresas e as empresas mellorar a súa conexión coa universidade para que realmente todos traballemos para impulsar novos produtos, servizos, melloras, cada un no chanzo que lle corresponda pero que non se perda enerxía nin oportunidades. Eu creo que deben ir, empresa e universidade, a unha maior eficiencia na súa relación porque non hai tempo nin recursos que perder, hoxe a competencia é global.

Tamén pode interesarche