Inicio
Actualidade

Ao día!

20/07/2023

Promovendo a innovación e o deseño entre as pemes galegas

Comparte este artigo

Cun orzamento de 4,5 millóns de euros, a Xunta de Galicia pon en marcha a nova edición dos programas InnovaPeme e DeseñaPeme, que teñen como obxectivo impulsar a competitividade das pequenas e medianas empresas

As pemes galegas, especialmente aquelas menos innovadoras e de sectores tradicionais, atopan nas convocatorias InnovaPeme e DeseñaPeme o pulo que precisan para dar o salto á innovación e apostar polo deseño como ferramenta de competitividade, dando así resposta ás necesidades que lles esixe o mercado actual.

Concretamente, DeseñaPeme oriéntase á innovación centrada en produtos, servizos e experiencias, ademais de marca e identidade; mentres que InnovaPeme está enfocado á innovación en procesos e organización.

A través destes dous programas, a Xunta de Galicia busca promover a cultura da innovación, incrementando o número de empresas que teñen a consideración de innovadoras e potenciando a colaboración das pequenas e medianas compañías co resto de axentes do ecosistema. Ademais, búscase favorecer a comercialización de resultados da I+D+i, incluír paulatinamente a innovación de procesos e organización no tecido empresarial galego e aumentar o seu gasto en I+D e actividades innovadoras.

Na presente convocatoria, agárdase financiar 60 plans de deseño e innovación nas pemes, cunha mobilización de 9 millóns de euros, e que se sumarán ás 246 actuacións que xa se apoiaron nas anteriores edicións, cun investimento público-privado próximo aos 40 millóns de euros.

Unha das principais novidades é que, por primeira vez, se inclúen como posibles beneficiarias entidades do terceiro sector social sen ánimo de lucro, así como empresas TIC. Tamén se inclúen os custos indirectos como financiables e incorpórase como requisito a presentación de diversas actividades de difusión para chegar mellor á sociedade e servir de exemplo para outras pemes.

O orzamento subvencionable deberá estar entre os 50.000 e os 150.000 euros por cada plan, de xeito que unha mesma peme que se presente ás dúas convocatorias poderá investir ata 300.000 euros. As axudas terán unha intensidade do 50% e outorgaranse mediante o procedemento de concorrencia competitiva.

As empresas situadas nun concello emprendedor de Galicia contarán con puntuación adicional no proceso de avaliación.

O prazo de solicitudes permanecerá aberto ata o 14 de agosto de 2023.

Tamén pode interesarche