Inicio
Actualidade

Ao día!

26/07/2023

Cando o talento académico e a contorna empresarial se dan a man

Comparte este artigo

A Xunta de Galicia apoiará a contratación de 15 estudantes en empresas e centros tecnolóxicos nos que poderán desenvolver a súa tese doutoral

Proximamente publicarase a terceira convocatoria do programa Doutoramento Industrial, impulsado pola Xunta de Galicia e dotado con 1,9 millóns de euros para seguir apostando polo talento en I+D e a creación de emprego de calidade.

O obxectivo é a contratación de 15 estudantes do sistema universitario galego en empresas e centros tecnolóxicos con domicilio social ou centro de traballo en Galicia nos que desenvolverán a súa tese doutoral.

O programa permite deseñar e realizar a tese doutoral nunha contorna empresarial real, orientando así o proxecto de investigación á resolución das necesidades e problemas concretos dunha empresa ou centro tecnolóxico. Deste xeito, favorece a investigación colaborativa e a transferencia de coñecemento do entorno académico ao mercado, promovendo a formación de mozos e mozas investigadores no marco de proxectos de interese empresarial e estimulando a súa posible inserción laboral unha vez que remate a axuda.

Os doutorandos e doutorandas deberán matricularse nun programa de doutoramento dunha universidade do Sistema Universitario Galego (SUG) e, para iso, deberán contar cunha persoa directora de tese vinculada ao programa e que debe ser recoñecida na solicitude. As axudas inclúen tantos os custos de contratación como gastos relacionados co proxecto e apoios para a realización de estadías de tres meses no estranxeiro.

Este programa, que xa permitiu a contratación de 30 persoas doutorandas industriais nas dúas anteriores edicións, complétase con outras medidas postas en marcha polo Goberno galego co obxectivo de captar talento e crear emprego de calidade no eido da investigación como Talento Sénior, Oportunius, Ignicia, os programas de apoio predoutoral e posdoutoral e Investigo.

Tamén pode interesarche