Inicio
Actualidade

Ao día!

01/08/2023

Mellorando a experiencia no interior do vehículo a través da innovación

Comparte este artigo

A Unidade Mixta de Investigación impulsada polo Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (Ctag) e o Grupo Antolin conclúe catro anos de traballo dedicado ao desenvolvemento de solucións innovadoras para a incorporación de intelixencia no interior do automóbil

Baixo a denominación de insAI, o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia e o Grupo Antolin, un dos grandes fabricantes de pezas para o interior dos vehículos, aliáronse no marco do programa Unidades Mixta de Investigación, impulsado pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación. O proxecto mobilizou un orzamento de máis de 2,2 millóns de euros e un equipo de traballo de 25 investigadores co obxectivo de desenvolver solucións intelixentes para a seguridade na condución, a experiencia do usuario e o confort no interior dun automóbil, aspectos cada vez máis valorados polos usuarios e que serán claves no futuro.

Concretamente, os traballos de I+D+i abordaron liñas de actuación relacionadas con sensórica, visión artificial, conectividade, cloud computing, intelixencia artificial, arquitectura electrónica, mecatrónica e HMI.

Entre os resultados innovadores desenvolvidos destacan o sistema de ozonización, un dispositivo intelixente, eficiente e seguro que se integra na cabina do automóbil con capacidade para hixienizar superficies e eliminar cheiros.

Outra das innovacións levadas a cabo é o sistema de purificación de aire que permite eliminar de maneira eficiente virus, bacterias, partículas e compostos orgánicos volátiles. A Unidade Mixta traballou tamén nun sistema intelixente de confort térmico a través de superficies radiantes.

Ademais, desenvolveuse un sistema de control avanzado da opacidade e a transparencia do parasol que controla dous parasoles de diferentes materiais que se poden escurecer por tramos. Cada parasol permite o control de tres tramos diferentes e o sistema proporciona a funcionalidade de cambiar o tipo de parasol en función do material.

Por último, o sistema electrónico para a iluminación funcional do habitáculo dá soporte ao usuario, xa sexa para facilitar a procura de elementos dentro do campo visual do usuario como para apoiar aos sistemas de axuda á condución. Tamén cobre os diferentes escenarios de iluminación ambiental que garanten o confort no interior do vehículo.

Programa Unidades Mixtas de Investigación

As actuacións realizadas no marco desta Unidade Mixta de Investigación contribuíron así á transferencia de tecnoloxía nun sector estratéxico para Galicia como é o da automoción, en liña cun dos principais obxectivos deste instrumento impulsado pola Xunta de Galicia: favorecer a cooperación entre organismos de investigación de Galicia e a contorna empresarial e impulsar a transferencia de I+D á industria para aumentar a súa competitividade.

En total, desde a posta en marcha deste programa en 2014, a Xunta de Galicia apoiou 55 Unidades Mixtas de Investigación, coa participación de 39 empresas e 14 centros de coñecemento, e un investimento final mobilizado de case 155 millóns de euros.

Tamén pode interesarche