Inicio
Actualidade

Ao día!

29/08/2023

Entrevista a Santiago Cabaleiro, director do Centro Tecnolóxico do Clúster Acuicultura – Cetga

Comparte este artigo

“É preciso trasladarlle á sociedade a importancia que ten a acuicultura para garantir o consumo de alimentos procedentes do mar, saudables e seguros”

O Centro Tecnolóxico do Clúster da Acuicultura - Cetga, fundado en Ribeira en 2002, continúa consolidándose como unha referencia a nivel mundial no campo da acuicultura innovadora e sustentable. Abordamos co seu director, Santiago Cabaleiro, os retos e oportunidades aos que se enfronta o sector.

Que peso económico ten Galicia no sector global da acuicultura e a que tipo de empresas aglutina o clúster?

Galicia é a rexión Europea que máis toneladas produce, destacando o mexillón e o rodaballo como as especies máis relevantes das criadas aquí. Contamos con empresas e asociacións líderes en Europa nos campos da produción e da tecnoloxía. Isto é algo que levou moito tempo conseguir e tamén é difícil de manter, xa que se precisou de concursos de administracións, das universidades galegas, organismos públicos de investigación, centros tecnolóxicos, ademais de empresas e asociacións. Foi tan difícil crear este ecosistema que é moi necesario coidalo e mantelo porque a competencia é intensa e a única maneira de liderar é ser capaces de investigar e innovar coa calidade de sempre, seguindo as demandas da sociedade.

A acuicultura é un sector declarado estratéxico pola Unión Europea. Cales son os principais retos aos que se enfronta actualmente a acuicultura e que oportunidades ten a nosa Comunidade neste campo?

Europa importa de terceiros países o 75% dos produtos de orixe mariño que consume. Esta debilidade converte á acuicultura nunha necesidade para mellorar a soberanía alimentaria e, á súa vez, xerar riqueza e aumentar o emprego en áreas deprimidas económica e demograficamente, onde soen atoparse os criadeiros ou instalacións de cultivo.

A acuicultura enfróntase a varios retos. Un deles é a dificultade que hai para obter novas licenzas de cultivo. As trabas administrativas e a burocracia son tan densas que en moitos casos fai imposible a obtención destas novas licenzas de cultivo, impedindo así o crecemento da acuicultura. Outro dos retos é o social. En xeral, o público descoñece que é a acuicultura e o significado que ten para un territorio ou país que este sexa capaz de ter a súa propia produción acuícola. É preciso achegar este sector á sociedade e trasladarlle a importancia que ten para garantir o consumo de alimentos procedentes do mar saudables e seguros.

Galicia é líder en produción acuícola e, á vez, en investigación, é aí onde a nosa comunidade se xoga seguir sendo líder. É imposible ser líder en calquera área do coñecemento se non hai un sector robusto ao lado que dea sentido a todo o esforzo investigador.

Como valora a diversificación da produción acuícola galega na actualidade?

Para valorar esta pregunta sempre hai que facer un traballo de estudo previo e ver que fan outras rexións ou países. Galicia destaca dentro da Unión Europea como unha das rexións nas que máis especies de moluscos e peixes se cultivan. Unha das últimas especies incorporadas ao sector acuícola galego foi o linguado. Comezou cunha aposta decidida polo investimento en I+D por parte dunha empresa galega hai máis de vinte anos á que posteriormente se uniu outra, conseguindo a día de hoxe ser as dúas empresas líderes en Europa na cría desta especie.

En que áreas de I+D+i está enfocado o traballo do Cetga actualmente?

Dedicámonos principalmente á investigación en peixes. Desde os seus inicios, o Cetga centrouse na saúde, a sustentabilidade e o benestar dos peixes. Estas liñas non variaron ao longo dos anos aínda que si se adaptaron aos desafíos procedentes tanto dun entorno natural cambiante como dos cambios sociais relacionados co medio ambiente e o benestar.

Tanto para as empresas acuícolas como para o Cetga, a nosa estratexia de investigación é facer cada día máis esforzos na sustentabilidade da actividade acuícola, reducindo a pegada de carbono e afondando na economía circular. Ademais, potenciamos as liñas de investigación coas universidades galegas para seguir mellorando o coidado e o benestar dos peixes.

Un dos recentes traballos do Cetga está relacionado coa aplicación da intelixencia artificial cara a unha acuicultura 4.0. En que consiste?

Con este proxecto preténdese avanzar cara a unha mellora da produtividade dunha granxa acuícola a través da análise en tempo real dos parámetros produtivos que fan que se reduzan os riscos e se melloren os indicadores de produción, mediante a utilización de tecnoloxías integradas con algoritmos de machine learning e de intelixencia artificial que analicen os datos xerados, tanto con sondas como con imaxes en tempo real, logrando así que coa súa análise se poida actuar nos equipos de forma autónoma co obxectivo de axudar na xestión da produción acuícola reducindo os riscos, mellorando a sustentabilidade e os indicadores de produción.

Con esta tecnoloxía queremos lograr que a acuicultura galega sexa pioneira unha vez máis, incorporando tecnoloxías que nos permitan seguir na vangarda do sector acuícola en Europa.

Tamén pode interesarche