
Ao día!

Como crear unha empresa, paso a paso
Como constituír unha empresa en Galicia? Cales son os primeiros pasos que debo dar? Con que apoios podo contar?
Estas son algunhas das preguntas frecuentes que moitos emprendedores se fan cando comezan a darlle forma aos seus proxectos de negocio. No camiño entre a idea e a constitución dun proxecto empresarial hai varios pasos importantes que deben terse en conta para garantir o éxito do proceso:
- Creación dun plan empresarial. Por moi boa que sexa a idea, esta debe sustentarse cunha sólida planificación empresarial e comercial. Entre outros moitos aspectos, o documento debe incluír o obxectivo e alcance inicial do proxecto e un estudo de mercado pormenorizado, que analice a situación actual do sector, as tendencias máis importantes e a competencia existente. Así mesmo, deben analizarse as características internas e externas a través dun cadro de debilidades, fortalezas, ameazas e oportunidades. Tamén é importante establecer fitos realistas e medibles a curto prazo que permitan valorar o funcionamento da empresa e ir tomando decisións.
- Elección da forma xurídica (autónomo, sociedade anónima, sociedade limitada, cooperativa, etc.), establecemento dunha denominación e comprobación de que non existe outra sociedade co mesmo nome. De forma paralela, tamén se pode iniciar a solicitude de reserva de marca comercial na Oficina Española de Patentes e Marcas.
- No apartado económico, é preciso establecer unha conta bancaria única e exclusiva para a empresa, na que se ingresará o capital social. É importante solicitar un certificado de depósito no banco no que consten os datos do socio ou socios, así como as aportacións realizadas.
- Elaboración dos estatutos sociais. Neles recóllense varios datos esenciais, como a denominación, o capital, o domicilio social, o órgano administrativo, o reparto de dividendos, etc.
- Escrituración ante notario.
- Tramitación da alta da empresa na Axencia Tributaria a través do modelo 036.
- Co NIF provisional obtido no paso anterior, rexistrar a empresa no Rexistro Mercantil da provincia correspondente para obter a plena competencia xurídica. Con todos estes pasos realizados, xa se pode solicitar o NIF definitivo.
Asesoramento e apoio ao investimento
No proceso de emprender, é fundamental contar co asesoramento e acompañamento de persoas expertas e tamén de organismos especializados.
A Xunta de Galicia ofrece diferentes vías de apoio. Destaca o labor do Instituto Galego de Promoción Económica, cuxa misión é apoiar aquelas actividades que contribúan a mellorar o tecido empresarial galego, impulsando desde áreas de traballo como o financiamento, a competitividade, a internacionalización, o emprendemento, a capacitación e a innovación tecnolóxica.
Pola súa banda, a Oficina Galicia Empresa tamén ofrece o impulso necesario para contribuír a facer realidade os diferentes negocios e proxectos empresariais. Na súa web, pódese acceder a un completo buscador cos apoios económicos dispoñibles que mellor se axustan ao proxecto. Ademais, o portal conta cunha serie de catálogos que recollen, paso a paso, o proceso de creación de iniciativas de diferentes sectores. E, a través do avaliador de proxectos, pódese cubrir un sinxelo formulario para comprobar se a iniciativa cumpre as características para ser declarada como Iniciativa Empresarial Prioritaria ou Proxecto Empresarial Prioritario. Finalmente, o apartado de Concellos Emprendedores conta cun mapa de localización de todos os municipios adheridos na actualidade a esta iniciativa e que se comprometen, deste xeito, a garantir ás persoas emprendedoras máis incentivos fiscais, máis simplificación administrativa e máis facilidades de acceso a solo industrial. Ademais, contar co domicilio social nun deles supón puntuación adicional en diferentes convocatorias de apoio da Xunta de Galicia.
Tamén destaca o papel fundamental da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego da Xunta, que continuarán o seu despregamento polo territorio galego. Na actualidade están operativos oito polos: Ourense centro e sur e Miño Central na provincia de Ourense; Pontevedra norte e Rías Baixas na pontevedresa; Costa da Morte e Rías Altas e Arco Ártabro, na de Coruña; e Lugo sur, Montaña Lucense e A Mariña, na de Lugo. O seu obxectivo é impulsar e consolidar proxectos de emprendemento que teñan unha vinculación coa súa contorna, a través de acompañamento e asesoría continuada; metodoloxía adaptada a cada proxecto; e titorización con profesionais de primeiro nivel.