
Ao día!

Colaborar para chegar máis lonxe
A innovación aberta é unha estratexia a través da cal as empresas van máis aló dos seus propios límites e desenvolven unha cooperación activa con outras organizacións ou profesionais externos.
Grazas a isto, impúlsase a entrada de coñecementos procedentes doutras fontes que pode ser empregado para resolver problemas ou detectar novas oportunidades.
Fronte á innovación pechada ou interna -que consiste en innovar a partir de coñecementos e recursos propios mediante a creación dun departamento específico de I+D+i- este novo concepto trae unha serie de vantaxes engadidas, entre elas, un importante aforro de recursos, a diversificación e amplificación do talento, o enfoque de responsabilidade social e a oportunidade de liderado.
Abrir as portas á innovación aberta pode xerar beneficios moi interesantes tanto para a propia empresa, que pode desenvolver novas liñas de negocio que non xurdirían nun ecosistema pechado, como para a sociedade, xa que se xeran fluxos de traballo e colaboracións beneficiosas para a contorna.
Para implementar esta estratexia dentro da empresa, o primeiro paso é crear un pequeno equipo que funcione como comité e identificar os retos ou problemas que se desexan solucionar. O comité será o órgano encargado de establecer o contacto e coordinación cos axentes externos para iniciar o intercambio de coñecemento e traballo colaborativo. Poden ser provedores, centros tecnolóxicos, startups, compañías doutros sectores, etc. A empresa poderá así explorar as últimas tecnoloxías e métodos dispoñibles no mercado para resolver e planificar proxectos piloto que dean solución aos seus retos.
Galicia e a innovación aberta
Cómpre destacar que segundo o estudo “A innovación aberta en Galicia”, elaborado pola Axencia Galega de Innovación, Galicia é a segunda comunidade autónoma con maior proporción de pemes que colaboran con outros axentes en proxectos de innovación, tan só por detrás do País Vasco. As universidades e centros tecnolóxicos son as principais fontes de coñecemento para a innovación na Comunidade. Ademais, a Xunta impulsa este modelo a través de diferentes iniciativas, entre elas o programa Unidades Mixtas de Investigación, que supoñen a creación de consorcios entre un organismo de investigación e unha ou varias empresas; ou a Fábrica Intelixente e Sustentable, que fomenta a colaboración entre pemes, grandes empresas e organismos de investigación para grandes proxectos empresariais de I+D+i de carácter estratéxico para o tecido industrial galego, en liña coa industria 4.0.