
Ao día!

Entrevista a Santiago Domínguez, cofundador de Sémola Tech Ventures
Javier Sardina López, Carlos Cobas Gómez e Santiago Domínguez, con quen falamos nesta entrevista, son os tres socios fundadores da compañía Mestrelab Research, unha das biotech galegas máis destacadas, especializada en software para a industria farmacéutica e biotecnolóxica. En 2021 crearon Sémola Tech Ventures, unha sociedade de investimento dirixida a financiar proxectos en fase semente enfocados nos campos das ciencias da vida e a biotecnoloxía.
Tomando como referencia o modelo de Silicon Valley fundaron en 2021 Sémola Tech Ventures. Que lles animou a facelo e con que obxectivo?
A fundación de Sémola xurdiu dunha combinación de circunstancias. Por un lado, e principalmente, do éxito acadado polo proxecto de Mestrelab, que resultou nunha venda de participacións por parte dos socios de Mestrelab á empresa multinacional Bruker Inc., o que achegou fondos suficientes para afrontar o apoio do resto do ecosistema. Isto foi complementado pola constatación da alta calidade e número dos proxectos biotecnolóxicos que están a xurdir en Galicia, que precisan de apoio por parte de business angels nunha fase semente antes de poder achegarse aos fondos de capital risco e, finalmente, da preocupación pola falta de investidores deste tipo no ecosistema galego. O proxecto naceu cunha vocación de apoiar e dinamizar o sector biotecnolóxico galego para crear riqueza na rexión e asegurar o futuro profesional da nosa mocidade.
Cales son os principais retos ao que se enfrontan as empresas biotecnolóxicas que se atopan en fase semente?
Os retos son múltiples e complexos. Entre eles atópanse a consolidación do equipo e a atracción de talento, a consecución do que se chama encaixe produto-mercado, é dicir, a adecuación da solución achegada pola empresa á necesidade dos clientes potenciais da mesma, o acceso ao mercado e, en maior medida, aos mercados internacionais a miúdo necesarios para acadar o éxito e asegurar a sustentabilidade. Por enriba de todo, o reto máis difícil hoxe en día no ecosistema galego é, aínda, a consecución do financiamento necesario para o desenvolvemento do proxecto e a resolución dos retos anteriores que, na meirande parte dos casos, depende do devandito financiamento.
Como sociedade de investimento, que criterios teñen en conta á hora de seleccionar proxectos?
Interésannos as tecnoloxías con potencial de impacto, particularmente na saúde das persoas, que é certamente un foco da nosa actividade. Os equipos de alta calidade e cun bo balance entre a compoñente académica e a de xestión de negocio e a proximidade, por xeografía ou por redes de contactos, que nos permite coñecer os proxectos con maior detalle.
En que empresas participa actualmente Sémola Tech Ventures?
Sémola participa en seis startups galegas do sector biotecnolóxico: BFlow, Celtarys Research, Chemosapiens, Diversa Technologies, Liberabio SL e QuBioTech. Participa tamén en dous proxectos internacionais: a californiana Labvoice Inc e a bostoniana Scaffold Therapeutics Inc. E finalmente polo momento, en Nowture, un venture builder con vocación de investimento e de desenvolvemento do sector en Galicia.
Que papel xogan as empresas tractoras e consolidadas como MestreLab no fortalecemento e cohesión do sector biotecnolóxico galego?
As empresas tractoras e consolidadas teñen, desde o noso punto de vista, un deber de liderar e activar o ecosistema do que forman parte. Abrindo mercados internacionais. Establecendo a reputación do sector a nivel internacional. Creando contactos que se poidan aproveitar por outras empresas que veñen detrás. Liderando, apoiando, financiando ou levando a mercado proxectos de colaboración. Dando visibilidade ao sector na sociedade para axudar a atraer talento e financiamento.
Con que ingredientes conta Galicia para converterse nun hub biotecnolóxico punteiro en Europa?
Galicia conta cun labor investigador punteiro nas súas universidades e centros tecnolóxicos, moi ben posicionados internacionalmente. Tamén con talento, investigadores e investigadoras con ambición de contribuír a resolver problemas sociais e crear un sector competitivo. Conta cun alto nivel de vida, que axuda a atraer talento internacional que poida complementar ao talento autóctono en áreas onde aínda existen carencias, coma pode ser a da xestión das empresas. E tamén, o que é moi importante, cun apoio institucional moi significativo, particularmente por parte da Xunta de Galicia, pero tamén do CDTI, o que permite financiar máis empresas e dotalas de máis recursos para permitirlles medrar e competir en mercados internacionais difíciles.
Que retos ten por diante Sémola?
Por un lado, seguir xerando financiamento que nos permita seguir investindo nesta etapa temperá e moi arriscada das empresas. Por outro, axudar ás empresas investidas a acelerar o crecemento do seu negocio, apoiando a súa xestión e labor de internacionalización e acceso a mercado. E finalmente, atraer a outros investidores ao ecosistema, combinando o noso labor co de outros axentes coma as institucións públicas ou o fondo de capital risco privado galego Bio&Tech Smart Capital.