
Ao día!

Préstamos directos para o financiamento empresarial en Galicia
A convocatoria, aberta ata o 29 de decembro de 2023 ou esgotamento de crédito, ten como obxectivo cubrir as necesidades financeiras do tecido produtivo galego. Ademais de empresas, poden optar a ela actuacións levadas a cabo por centros tecnolóxicos, asociacións empresariais, fundacións e entidades que desenvolvan actividades económicas, de I+D ou de servizos de interese para o tecido empresarial galego, e operacións da industria auxiliar naval.
Entre as liñas previstas contémplanse préstamos para investimentos estratéxicos orientados a financiar proxectos de novos investimentos, intervencións de ampliación da capacidade produtiva e/ou mellora de instalacións existentes, valorándose especialmente o aliñamento dos proxectos cos sectores prioritarios da Axenda da Competitividade Galicia Industria 4.0 e coa Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) Galicia.
O préstamo poderá ser bilateral entre o Igape e a empresa beneficiaria, ou sindicado cunha ou varias entidades de crédito. O importe mínimo do préstamo ou da participación do Igape no sindicato bancario será de 500.000 € e o máximo de 5.000.000 €. Cun tipo de xuro con bonificacións de ata o 1,5% con respecto ao de mercado para determinadas modalidades de investimento, estes préstamos teñen unha duración de ata 12 anos coa posibilidade de incluír carencia na amortización do principal.
Ademais, habilítanse préstamos específicos para financiar aquelas industrias afectadas polo incremento de prezo de materias primas e subministracións. Neste caso, as contías oscilan entre os 300.000 euros e un millón, contando tamén con bonificación nos tipos de xuro.
Préstamos para centros tecnolóxicos
O Igape conta tamén cunha liña de préstamos para impulsar actuacións levadas a cabo por centros tecnolóxicos, asociacións empresariais, fundacións e entidades que desenvolvan actividades económicas, de I+D ou de servizos de interese para o tecido empresarial galego. Neste caso, o importe mínimo é de 75.000 euros e o máximo de 1,5 millóns, sen superar en ningún caso o 75% do custo financiable. A duración máxima alcanzará os 12 anos, coa posibilidade de incluír carencia na amortización do principal, e un tipo de xuro bonificado en ata 1,5 puntos porcentuais.
Préstamos para operacións da industria auxiliar naval
O obxectivo é apoiar financeiramente empresas que desenvolven actividades na industria auxiliar da construción naval, facilitándolles o financiamento a longo prazo. O importe mínimo do préstamo será de 50.000 euros e o máximo dun millón de euros, resultando o prazo de devolución de ata 8 anos, incluíndo 2 de carencia, cun tipo de xuro bonificado.
O prazo de presentación de solicitudes de calquera destas liñas remata o 29 de decembro de 2023 (ou ata esgotar o crédito orzamentario).
Estes préstamos enmárcase na Axenda Financeira 2023, dotada con 140 millóns de euros para mobilizar máis de 400 M€ en préstamos e reavais para reforzar a solvencia e dar acceso ao crédito a pequenas e medianas empresas e autónomos, e en apoios específicos para investimentos en innovación para pemes e microempresas galegas.