
Ao día!

Avanzando nos novos retos do Polo Aeroespacial de Galicia
A Xunta de Galicia continúa avanzando na Civil UAVs Initiative, unha iniciativa estratéxica que ten como finalidade promover solucións innovadoras baseadas en vehículos aéreos non tripulados (UAVs) para mellorar a prestación dos servizos públicos e crear un polo de innovación tecnolóxica neste segmento do sector aeroespacial.
O Polo Aeroespacial de Galicia impulsouse utilizando como instrumento de apoio a Compra Pública de Innovación (CPI), unha ferramenta clave para atraer investimentos e promover a innovación desde a demanda.
Ata o momento, executáronse 12 contratos de solucións adxudicadas entre 2015 e 2023. Para as futuras licitacións, recentemente a Axencia Galega de Innovación lanzou unha nova Consulta Preliminar ao Mercado para seguir avanzando na incorporación nos servizos públicos de tecnoloxías baseadas en vehículos non tripulados.
Esta nova chamada ao mercado realízase para buscar novos proxectos que poidan ser financiados a través da liña FID do Ministerio de Ciencia e Innovación no marco do Programa Operativo Plurirrexional FEDER 21-27.
Concretamente, identificáronse 5 novos retos aos que dar resposta:
- Reto 1: terras produtivas e protección da paisaxe. Recuperación de terras agrícolas e protección de áreas de especial interese paisaxístico mediante o uso de UAVs.
- Reto 2: Parque Natural Illas Atlánticas. Vixilancia, salvamento, rescate, monitorización ambiental, investigación oceanográfica e control da contaminación no Parque Natural das Illas Atlánticas mediante o uso de UAVs.
- Reto 3: repoboación e patrimonio natural. Repoboación de terreos con UAVs e integración de información sobre o patrimonio natural proporcionada por UAVs e por outras plataformas de maior alcance (satélites e HAPS).
- Reto 4: estradas seguras. Control de fauna e vexetación, estimación de demanda de tráfico, inspección, mantemento e conservación.
- Reto 5: sociedade segura. Mellora da seguridade mediante o uso de UAVs: información e análise forense, protección e escolta.
Desde 2015, o Polo Aeroespacial de Galicia xerou un ecosistema consolidado no que participaron numerosos actores públicos e privados; liderados polas propias Consellerías da Xunta de Galicia, os seus departamentos e áreas, que actúan como usuarios das tecnoloxías creadas e identifican novos retos para expor ao mercado. Os retos expostos ata a data recibiron resposta de numerosas universidades, centros de coñecemento e empresas (tractoras e pemes), téndose desenvolvido máis de 100 proxectos de I+D+i a través de Compra Pública de Innovación e 30 proxectos empresariais en incubación, aceleración e consolidación na Business Factory Aero.
Más de 1.300 profesionais están a traballar nestes proxectos (85% altamente cualificados) e estase realizando un investimento público-privado próximo aos 500 millóns de euros.