Inicio
Actualidade

Ao día!

11/01/2024

Entrevista a Juan Fontán Barros, xerente de Dihgigal

Comparte este artigo

“O deseño do mapa industrial de Galicia contribuirá á posta en marcha de medidas con maior impacto para o tecido industrial galego”

Dihgigal está integrada por unha ampla variedade de socios que representan o conxunto do tecido industrial galego desde diferentes ópticas de coñecemento (agrupacións industriais, centros tecnolóxicos, universidade e empresas) e ten entre as súas finalidades promover unha visión estratéxica industrial a longo prazo para a mellora competitiva e o desenvolvemento sustentable. En colaboración coa Xunta de Galicia, a entidade encargarase de elaborar o mapa industrial de Galicia, unha ferramenta prevista no Proxecto de Lei de medidas fiscais e administrativas para coñecer a realidade da industria galega e definir medidas de intervención.

Cal é a misión de Dihgigal e cales son as súas funcións?

Dihgigal naceu para impulsar a transformación dixital da industria de Galicia, sendo esta a súa principal misión. O ecosistema de Dihgigal está conformado por grandes empresas tractoras e máis de 500 pemes que, xunto cos principais axentes innovadores da rexión, constitúen un foro único onde a industria marca as súas prioridades de cara á súa mellora competitiva.

Así mesmo, Dihgigal concentra todas as ferramentas que necesita unha empresa para transformarse dixitalmente: ideas, tecnoloxía, formación e financiamento. O acceso e uso de ditas ferramentas canalízase a través de proxectos e servizos onde se conectan oferta e demanda tecnolóxica.

Que tipo de servizos ofrecen ás empresas e a que sectores ou cadeas de valor dan soporte principalmente?

En Dihgigal é a industria a que establece as súas necesidades e prioridades para impulsar a transformación dixital das súas empresas e, por iso, contamos cunha carteira de servizos totalmente enfocada a cubrir ditas necesidades. 

Neste sentido, desde Dihgigal definimos catro principais eixos de actuación, como son os servizos de asesoramento, que inclúen desde a definición e seguimento dun plan de transformación dixital global para a empresa ata asesoramento específico en áreas como a ciberseguridade ou o marketing dixital; o uso de tecnoloxías 4.0 a través de probas de concepto, principalmente co uso da intelixencia artificial, sendo estas probas fundamentais para que as empresas teñan oportunidades de testear a tecnoloxía antes de facer grandes investimentos; a capacitación profesional, destinada tanto para directivos como para persoal técnico; e o apoio á búsqueda de financiamento, tanto rexional, como nacional ou europeo. 

Gustaríame resaltar que actualmente, a prestación destes servizos atópase bonificada ata un importe de 30.000 € grazas o programa Padih do Ministerio de Industria e Turismo, polo que o acceso aos mesmos é máis fácil que nunca para as empresas. Tan só teñen que poñerse en contacto con nós.

Por outra banda, a promoción e coordinación de proxectos de dixitalización que levamos a cabo é fundamental para o noso ecosistema. Dihgigal axuda á industria a definir ás súas necesidades de maneira individual, a casalas coas mellores solucións e a materializalo en proxectos individuais ou consorciados que consigan un impacto directo no seu negocio. Nos últimos anos Dihgigal axudou a máis de 150 empresas, a través de 70 proxectos e mobilizando preto de 23 millóns de euros.

Cales son os principais retos no ámbito da dixitalización aos que se enfronta o tecido industrial galego?

A dixitalización do tecido industrial galego presenta varios retos, sobre todo se temos en conta que non todas as empresas nin todos os sectores se están dixitalizando ao mesmo ritmo. Neste sentido, é fundamental conseguir que o investimento requirido para avanzar cara á transformación dixital da empresa, así como a capacitación das persoas, non sexan unha barreira insalvable. E precisamente como resposta a estes retos, son fundamentais actividades como as que mencionaba antes, como a oportunidade de testear a tecnoloxía antes de investir ou os programas para a capacitación continua do persoal.

Que novos escenarios e oportunidades abre a intelixencia artificial para a industria 4.0?

Desde Dihgigal consideramos que a intelixencia artificial abre novos escenarios e oportunidades para mellorar a eficiencia, a produtividade e a innovación dos procesos e produtos industriais. 

Desde a automatización avanzada de operacións, a optimización de procesos, o mantemento preditivo, o deseño e desenvolvemento de novos produtos, a maior visibilidade e xestión da cadea de subministro para unha mellor toma de decisións, pasando pola mellora da calidade a través de sistemas de visión artificial e aprendizaxe automático ata a colaboración home-máquina a través da intelixencia artificial xenerativa, que terá, sen dúbida, un papel destacado nos próximos anos.  

En colaboración coa Xunta de Galicia, Dihgigal encargarase de elaborar o mapa industrial de Galicia. Cales son os seus principais obxectivos e actuacións?

O mapa industrial de Galicia é unha ferramenta que permitirá coñecer a realidade da industria galega e definir medidas de intervención, identificando as necesidades e demandas das empresas, buscando de xeito coordinado solucións eficientes para a mellora da competitividade e produtividade industrial. 

A primeira fase dese traballo é a sistematización da información relacionada coa industria galega, actualmente diseminada en distintas fontes, que facilite a toma de decisións de política industrial. Para iso teranse en conta variables relativas a eixos empresariais, territoriais e de solo industrial, detallándoas de forma que se poida facer un seguimento o máis técnico e actualizado posible; seguimento no que será incorporada tamén información específica dos distintos sectores estratéxicos.

Para Dihgigal é fundamental esta colaboración, dado que como ecosistema industrial pode transmitir a situación actual e as necesidades a futuro da industria galega para facilitar a toma de decisións por parte da Xunta de Galicia.

Que beneficios e impacto suporá contar con este mapa industrial?

O obxectivo deste mapa é poder seguir avanzando no desenvolvemento, promoción e coordinación da política industrial galega co obxectivo de mellorar a súa competitividade, dando resposta as súas necesidades principais e favorecendo a creación de emprego estable e de calidade. 

Dihgigal está integrado por unha ampla variedade de socios que representan o conxunto dese tecido industrial galego desde diferentes ópticas de coñecemento, e que conta entre os seus obxectivos coa promoción dunha visión estratéxica industrial a longo prazo, para a mellora competitiva e desenvolvemento sustentable da industria galega. Este é o gran obxectivo compartido entre a Xunta de Galicia e Dihgigal.

O deseño do mapa industrial e a interlocución prevista durante o mesmo contribuirá á posta en marcha de medidas de política industrial cun maior impacto para o tecido industrial galego.

Tamén pode interesarche